Elevan ao xulgado os 1.410 SMS enviados polo ex alcalde de Pontecesures co móbil municipal

Os sospeitosos 1.410 SMS enviados polo ex alcalde cesurán Luís Álvarez Angueira a só tres teléfonos móbiles durante os seus últimos seis meses no cargo chegaron ao xulgado. Os concelleiros non adscritos de Pontecesures, Luís Sabariz e Afonso Diz, ampliaron a querela criminal contra o ex rexedor nacionalista polo caso do desorbitado consumo de carburante de dous vehículos municipais, presentada en decembro de 2007 e que está a instruír o Xulgado Número 1 de Caldas de Reis, engadindo estoutra acusación, en ambos os casos por malversación de caudais públicos.

Nos feitos apuntados no documento, explícase que na facturación do Concello de Pontecesures do teléfono móbil de titularidade municipal que utilizaba o anterior alcalde para as súas xestións obsérvase que entre o 30 de decembro de 2006 e o 20 de xuño de 2007 aparece reflectido que se realizaron 1.248 mensaxes de texto a un mesmo número. «A maioría das veces son mensaxes consecutivas, en espazo de minutos e en secuencias de 10, 15, 20 SMS ou máis». Un dos exemplos proporcionados resulta «sorprendente». Ocorreu o 30 de decembro de 2006, logo dunha chamada a ese mesmo número (a única no período analizado) enviáronse 39 mensaxes consecutivas entre as 18.28 e as 20.52 horas.

(Máis información na edición impresa do martes 20)

Comentarios