Luz Casás, gañadora do premio de Nadal organizado pola Aempe

Aempe xa anunciou os premiados do sorteo final da campaña de Nadal do comercio local. A gañadora do cheque de 1.000 euros é unha veciña de Poio que gastou preto de 2.500 nas súas compras das pasadas festas
Luz Casás, en Benito Corbal
photo_camera Luz Casás, en Benito Corbal

Cando se achega o Nadal, calculadora en man, Luz Casás empeza a botar as súas contas: "Tantos irmáns, tantos sobriños, os nosos pais..." ata sumar 58, e divide o diñeiro recollido nas casas dos seus familiares para comprar os agasallos que abrirán o día de Reyes. Porque en casa de Luz, "aínda que somos unha familia moi grande, hai agasallos para todos e sempre acerto, é raro que falle", comenta entre risas.

Esta veciña de Poio afirma que está "encantada da vida" co cheque de 1.000 euros que acaba de conseguir, e é que Luz Casás resultou gañadora do primeiro premio da campaña de Nadal no comercio local organizada pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe). E non é para menos, xa que Casás gastou preto de 2.500 euros para comprar agasallos para toda a súa familia no comercio local de Pontevedra. "Polo menos así compensa un pouco o gasto", asegura. Aempe anunciou o luns os gañadores do sorteo, entre os que, ademais de Casás, tamén se atopan María Luisa Díaz e Leticia Acuña, gañadoras do segundo e terceiro premio, valorados en 500 e 300 euros, respectivamente.

TRADICIÓN. Luz Casás é a penúltima de 15 irmáns e na súa familia é a responsable de que os Reyes non se esquezan de ningún agasallo, polo que, á hora de ir a por os encargos do Nadal, faio cunha longa lista na man, para non repetirse e atopar o que busca. E aínda que pode parecer unha tolemia ocuparse de atopar os 58 agasallos perfectos, Luz ten moito mérito, porque sempre o consegue.

Os gustos son variados e esta veciña de Poio sinala que, "cando vou comprar os agasallos, teño moi en conta á persoa para a que vai, son consciente en todo momento de que non é para min". Outro dos datos que valora Casás é a idade de cada un dos seus familiares, e é que o maior ten 89 e o máis pequeno cumprirá un aniño o próximo mes de marzo, polo que o detalle tamén vai en función da idade de cada un.

E a familia? "Encantanda cos agasallos que elixo e de que me ocupe eu de ir a por eles", conta Luz. Cando se achegan as festas, Luz planifícase e recolle por cada unha das casas o diñeiro e logo adminístrao ao seu aire. Así, indica que "fago todos os cálculos e cando algún agasallo sae máis económico que outro, vou compensando un pouco".

ás veces sobra parte do orzamento que esta gran familia de Poio destina ás súas compras do Nadal. Cando sucede iso, Luz encárgase de aforralo nun bote e gardalo para os gastos do ano seguinte.

APOSTA SEGURA. Confesa que todos os anos intenta facer as compras do Nadal no comercio local, pola sinxela razón de que "atopas máis cosas que en tendas de grandes marcas, aténdenme moito mellor e tamén teñen descontos". Para ela, o comercio local é unha aposta segura, xa que "case nunca temos que cambiar os agasallos, fóra dalgunha talla, e sempre me axudan a escoller ben".

"ás veces vou acompañada dalgún dos meus sobriños, pero se non vou soa, que non me importa. Levo unha lista e vou tachando os nomes da quen lle vou comprando e deixando os que me faltan", explica.

Ninguén na familia dubida do seu bo gusto e da súa forma de realizar estas compras; de feito, en máis dunha ocasión, "algunha cuñada díxome que é mellor que me encargue de regalarlle aos seus tres fillos porque parece que ela nunca acerta, e comigo nunca hai problema", apunta. E é que son anos de práctica, xa que Luz Casás leva máis dunha década ocupándose de acertar con cada un dos agasallos que chegan á súa casa o día de Reyes e sempre os adquire no comercio local.

Comentarios