domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

En vésperas da Idade Media

Dous momentos do espectáculo que se puido ver onte na Ferraría (Foto: Rafa Fariña)
Dous momentos do espectáculo que se puido ver onte na Ferraría (Foto: Rafa Fariña)

PONTEVEDRA. Loitas de espadachíns na Peregrina, bailes medievais no Teucro e música gregoriana na basílica de Santa María axudaban onte a entender en Pontevedra que algo estaba a punto de cambiar na cidade.

Para rematar de concretalo, ao longo da tarde, pregoeiros a cabalo encargáronse de anunciar palabra por palabra que era o que pasaba. "Na vila de Pontevedra, a 23 días do mes de agosto do ano de MMXIII, estando o Concello, juis, alcaldes, xurados, procuradores e homes bos da vila reunidos en concello por son de campá tanxida, segundo o han de uso e costume, acordaron que no termo da vila amurallada de Pontevedra se celebre Feira Franca, en cumprimento do privilexio concedido polo rei don Henrique IV e no ano de MCCCCLXVII".

Os inventos son o eixo central desta Feira Franca, a primeira que se celebra tras conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico por parte da Xunta.

A cidade leva toda a semana preparándose (decorados, traxes, menús, actividades, obradoiros...) para o día de hoxe, no que estoupará nunha xornada festiva creada para lembrar unha época de esplendor medieval.

Na véspera do gran día, apurando a conta atrás para 'viaxar no tempo', foron os pregoeiros a cabalo os encargados de lembrar entre veciños e visitantes o comezo da XIV edición da feira. A programación do venres incluíu tamén un obradoiro de bailes medievais a cargo da asociación de coros e danzas Duos Pontes na Praza do Teucro e un concerto de canto gregoriano e polifonía medieval a cargo de Ultreia na basílica de Santa María a Maior. Neste último interpretáronse dende cantigas de Roi Fernando de Santiago, Martín Códax e Afonso X ata obras de Juan del Enzina.

Pero o prato forte do día foi o espectáculo inédito de luz que, nunha Praza da Ferraría completamente a escuras e ateigada de xente, ofreceron as compañías Kull d’Sac e Troula, dúas vellas coñecidas de Pontevedra que xa se ocuparon deste mesmo espectáculo o ano pasado e que hai apenas un mes participaron na feira de animación de rúa Itineranta.

En vésperas da Idade Media
comentarios