Enterran en Guitiriz a unha muller que gardou o seu cadaleito no salón 20 anos

Fina de Rivera, que morreu este xoves aos 99 anos, encargoulle o féretro a un carpinteiro local
Nota que dejó la nonagenaria natural de Guitiriz
photo_camera Nota que dejó la nonagenaria natural de Guitiriz

Deixou todo preparado para o seu enterro. Incluso a necrolóxica e o féretro, que gardaba desde hai unhas dúas décadas no salón da súa casa, situada no centro urbano de Guitiriz. E o día chegou. Josefa Rego, máis coñecida como Fina de Rivera, faleceu o xoves, aos 99 anos, na Coruña, onde se trasladou cunha sobriña hai algúns anos. Este venres será enterrada en Guitiriz.

"Tiña a caixa non piso non que vivía, dende hai moitos anos, 17 ou 18 polo menos, e quería deixar todo á súa maneira e coñecer a súa caixa. Así foi. E era un féretro dunha madeira formidable", dicían este xoves desde a funeraria Teixido, de Guitiriz, a empresa encargada de recoller o cadaleito da vivenda na que residiu durante anos na localidade chairega a que moitos coñecían como "a señora Fina".

"Encima da tapa do féretro atopamos unha nota", explicaron con sorpresa desde a funeraria. Asinada pola súa dona, e escrita a man -na imaxe-, dicía: "Son bisagras da caixa e as chaves do nicho". "Era unha persoa moi aberta, moi peculiar, moi alegre", recordaban veciños de Guitiriz, que recoñeceron que o do cadaleito foi durante anos un segredo a voces.

"Estaba colocado no salón, como outro moble máis", dixeron algúns dos seus coñecidos, mentres a filla do carpinteiro que se encargou do estraño pedido, Julio do bar Avenida, narraba como foi a historia alén do teléfono.

"Metéuselle na cabeza que quería que o meu pai lle fixese o cadaleito. El ao principio non lle facía caso. Pero era amiga nosa, e tanto lle insistiu que lle deu pena dicirlle tantas veces que non e accedeu. Pero foi como un agarimo, polo trato e a confianza que había. El non traballaba para fóra e pediulle como condición que non dixese nada. Non fose ser que a xente lle encargase máis logo", relatou.

"Foi o encargo máis raro que tivo", recoñeceu a filla do autor dun cadaleito comprado por unha veciña previsora, que non lle deu instrucións", aínda que si pediu un material concreto, madeira de castiñeiro.

O cadaleito foi feito por módulos, para poder levalo á súa casa, onde se pasou os últimos 20 anos no salón. E a funeraria Teixido, a mesma que organiza agora o enterro, encargouse naquela época de forrar o interior do féretro. "Tapizámolo con puntillas de Tarragona. Elixiunas ela", recordaban o xoves. "O meu pai non llo quería cobrar, porque non se dedicaba a vendelos, foi un agarimo, pero ela ingresoulle o diñeiro no banco, pagoulle o que ela quixo", relatou a filla do carpinteiro.

O funeral será esta tarde, ás 17.00 horas, na igrexa parroquial de Santa Mariña. Despois, Josefa Rego recibirá sepultura no panteón familiar, situado no cemiterio de Guitiriz, tal e como ela quería.

Comentarios