Entre guapos anda o xogo

Hoxe estou moi contenta. E é que entre a cantidade de sucesos que chegaron onte á redacción coouse unha desas noticias que alegran o día. Lendo o correo dunha compañeira da redacción (seino, iso está moi feo e eu son unha cotilla, pero a ver como senón ía eu a decatarme da metade das cousas que pasan nesta cidade) coñecín a noticia de que o escritor pontevedrés Manel Loureiro acaba de ser papá dun neno guapísimo que se chama igual que o seu pai. Isto significa que tamén está de parabén o exalcalde de Cotobade Manoel Loureiro. Ao parecer, tanto a mamá como o bebé, que pesou 4,100 kg e 54 centímetros, están perfectamente e o recentemente estreado papá, ''encantado''. De momento, conta Manel, o pequeno ''só come e dorme. Él decidirá se, o día de mañá, quere ser político como o avó, escritor como o pai ou se prefire seguir o seu propio camiño'', escribiu o feliz papá. ¡Parabén, familia!

E outra boa noticia, aínda que de corte máis frívolo, igualmente feliz. O chef cambadés Yayo Daporta acaba de ser elixido un dos cociñeiros máis sexys de España e non nos estraña nada porque a verdade é que ademais de ser un mozo encantador e un excelente chef (non hai máis que achegarse polo seu restaurante en Cambados que leva o seu nome e posúe unha estrela Michelín, para probar unha das súas deliciosas especialidades), o raparigo ten unha planta estupenda e nunha publicación nacional incluírono no ranking de cociñeiros estupendos. E xa sendo o colmo da frivolidade, non quero deixar pasar a ocasión -xa que falamos de guapos de Pontevedra- de dicir que o que me parece incriblemente atractivo é o fillo futbolista do meu Lores, Caco Fernández, así que decidín converterme en fan número un do capitán do Pontevedra Cf.

Comentarios