España, Alemaña, Inglaterra, Portugal e Bélxica, cabezas de serie

As seleccións de España, vixente campioa de Europa, Alemaña, Inglaterra, Portugal e Bélxica afrontarán como cabezas de serie o sorteo da fase final da Eurocopa de Francia 2016 que se celebrará o próximo 12 de decembro en París.

Un sorteo no que Francia, o conxunto anfitrión, xa ten asignado un posto no grupo A, polo que os de Didier Deschamps xogarán os tres partidos da primeira fase en Saint-Denis (10 de xuño), Marsella (15 de xuño) e Lille (19 de xuño).

Pola súa banda, Italia, actual subcampión, encabezará o bombo 2 no que figurarán xunto cos transalpinos as seleccións de Rusia, Suíza, Austria e Croacia, ademais de Ucraína que selou este martes o seu billete para a fase final, tras dobregar a Eslovenia na repesca.

O bombo 3 estará formado pola República Checa, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Hungría, así como por Suecia, que certificou tamén este martes a súa clasificación tras vencer a Dinamarca na repesca.

O último bombo do sorteo, o número 4, acollerá a Islandia, Gales, Albania e Irlanda do Norte, que debutarán en Francia nunha fase final, ademais dos conxuntos de Turquía e a República de Irlanda.

Os bombos que virarán o día 12 de decembro en París para coñecer os equipos que se enfrontarán na fase de grupos da Eurocopa serán os seguintes:

Bombo 1: España, Alemaña, Inglaterra, Portugal e Bélxica.

Bombo 2: Italia, Rusia, Suíza, Austria, Croacia e Ucraína.

Bombo 3: República Checa, Suecia, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Hungría.

Bombo 4: Turquía, República de Irlanda, Islandia, Gales, Albania e Irlanda do Norte.

Francia como anfitrioa quedará encadrada directamente no Grupo A.

Comentarios