Esperón tacha de Esperón tacha de idea peregrina o Obradoiro de Emprego para xitanos en Poio

A solicitude presentada polo Concello para pór en marcha un Obradoiro de Emprego para as persoas xitanas do Vao e encamiñado a acondicionar o propio poboado causou disparidade de opinións. A presidenta da Asociación de Vecinos do Vao, Carmen Esperón, cualificouna como "idea peregrina" e asegurou que "o propio alcalde, que non é bobo, sabe que non se pode materializar, pero a propón igualmente para quedar ben cos xitanos e que os que queden mal sexan os que dan o non".

Segundo Esperón, as obras expostas co Obradoiro para O Vao non se poden executar "primeiro, porque a maioría dos terreos nos que están as chabolas non son propiedade dos xitanos, senón de veciños payos aos que llos foron quitanto. De todos os xeitos, nos poucos casos nos que as parcelas si son súas, non se poden facer vivendas nelas porque se trata de Chan Urbano Non Consolidado, e para poder construír, primeiro hai que desenvolvelo urbanisticamente".

A presidenta do colectivo veciñal recorda que, aínda que o Concello aprobou a modificación puntual do PXOM na zona, a asociación que ela dirixe presentou un recurso que aínda está sen resolver.

Unha opinión totalmente distinta é a que ten o presidente da Asociación do Pobo Xitano, Sinaí Giménez, quen indica que "todo o que sexa para mellorar e dar habilidades sociais, de formación laboral e de convivencia ás persoas é positivo".

No entanto, engade que as administracións destinan "poucos medios económicos" aos proxectos de inclusión social de persoas en situación de marxinalidade, "polo que logo resulta imposible desenvolver proxectos reais".

En palabras de Giménez, "gástanse miles de millóns en acondicionar campos de fútbol e, en cambio, para integrar socialmente a persoas discriminadas destínanse partidas moi pequenas, basicamente para saír nas fotos, pero non para executar proxectos eficaces".

Comentarios