Este luns arrinca o xuízo contra un veciño de Mos acusado de matar a golpes á súa muller no 2015

A Fiscalía pide que o home sexa condenado a 22 anos de cárcere por un delito de asasinato con aleivosía e o agravante de parentesco

O xuízo contra F.A.C., o veciño de Mos (Pontevedra) acusado de matar a golpes á súa muller en decembro de 2015, arrinca este luns na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). 

A Fiscalía pide que o home, que permanece a liberdade desde o 21 de febreiro deste ano, sexa condenado a 22 anos de cárcere por un delito de asasinato con aleivosía e o agravante de parentesco. 

No seu escrito de acusación, o ministerio público considera que o home entrou na súa vivenda situada no lugar de Tameiga, en Mos, o 29 de decembro de 2015 e "aproveitou que estaba de costas" preparando a cea para golpeala ata "causarlle a morte". 

A Fiscalía tamén solicita para o acusado a prohibición de residir no domicilio de Tameiga así como de acudir a todo o termo municipal de Mos por un período de 27 anos. Ademais, pide que non poida aproximarse a menos de 500 metros dos seus fillos e dos irmáns da vítima, cos que non poderá comunicarse nun prazo de 25 anos.

Comentarios