Estrella Galicia acompaña a Carlos Sainz na súa incorporación a Renault

A firma galega seguirá apoiando o piloto español na súa nova andaina, tras pechar un acordo coa escuadra francesa
El piloto de Fórmula Uno español Carlos Sáinz
photo_camera El piloto de Fórmula Uno español Carlos Sáinz

A cervexeira Estrella Galicia, a través da súa marca 0,0, apostou por acompañar a Carlos Sainz na súa incorporación ao equipo Renault, co que debuta este fin de semana no Gran Premio de Estados Unidos no circuíto de Austin (Texas). A marca de cervexa de Hijos de Rivera confirmou nun comunicado que seguirá apoiando ao piloto español na súa nova andaina tras pechar un acordo coa escuadra francesa ata o final da tempada 2018.

Estrella Galicia 0,0 terá visibilidade no coche, no casco e no mono de competición do piloto, na gorra e na roupa oficial do equipo Renault. Ademais, a cervexeira contará con presenza en todos os soportes do equipo, así como nas súas plataformas de comunicación.

Estrella Galicia 0,0 e Carlos Sainz arrincaron o seu camiño xuntos no ano 2013, cando a firma galega iniciouse no Mundial de Automobilismo de GP3. Posteriormente, ambos deron o salto á Fórmula 1 coa escuadra Toro Rosso no ano 2015 e, logo de tres tempadas, afrontan xuntos o cambio ao equipo Renault.

En declaracións que facilita o departamento de comunicación de Estrella Galicia, Sainz mostrouse moi satisfeito con este acordo xa que se sinte "apoiado" pola cervexeira. "Para min foron un apoio importantísimo durante os anos clave da miña carreira deportiva, non só na Fórmula 1 senón tamén nas categorías inferiores. Estou moi orgulloso de poder seguir traballando con eles nesta nova etapa e de seguir sentindo ao meu lado o seu compromiso e apoio", sostivo.

O CEO de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, afirmou que o acordo "dá continuidade a unha relación que comezou cando Carlos era unha nova promesa". "Enorgullécenos seguir á beira de Carlos Sainz, eu sempre digo que soñar é gratis, e estou seguro de que nos quedan moitos soños por compartir xuntos", engadiu.

Pola súa banda, Cyril Abiteboul, de Renault Sport Formula One Team, deu a benvida ao seu novo patrocinador, recordou que a empresa cervexeira "foi un apoio de Carlos a longo prazo e Carlos ten unha historia sólida con Renault no seu desenvolvemento profesional" e mostrouse ansioso "por lograr grandes cousas no futuro".

Estrella Galicia 0,0 apostou con forza nos últimos anos polo mundo do motor á beira de pilotos como Carlos Sainz ou Marc Márquez.

Comentarios