Estudan demandar ao Concello de Lalín por declararse aconfesional

A Asociación Española de Avogados Cristiáns considera que a moción é "anticatólica" e inicia unha recollida de firmas na súa contra

A moción aprobada a pasada semana polo Pleno de Lalín para declarar a aconfesionalidade do Concello podería terminar nos xulgados. A Asociación Española de Avogados Cristiáns, que aglutina a uns oitenta xuristas en activo, estuda demandar ao Goberno local, ao entender que a declaración é contraria á lei.

"Eles din que é unha moción sobre a aconfesionalidade, pero para nós é unha moción anticatólica", explica a presidenta do colectivo, Polonia Castellanos. A asociación emprendeu unha recollida de firmas en contra da decisión plenaria a través da plataforma dixital Change.org. Activada o pasado martes baixo o epígrafe Retiren a súa moción contra a liberdade relixiosa, a última hora da tarde de onte a iniciativa xa superaba as 7.300 rúbricas. "O acordo tomado é ilegal, porque vai en contra do dereito fundamental de liberdade relixiosa, da liberdade persoal de cada un", argumenta Castellanos.

Se o Goberno desatende a súa solicitude, a asociación presentará unha demanda por vía xudicial, ao entender que podería incorrer en "delitos de discriminación, prevaricación e coacción, e que vai en contra dos sentimentos relixiosos", sinala a presidenta.

Segundo explica, a denuncia presentaríase, nun primeiro termo, contra o alcalde, Rafael Cuíña, como representante do Goberno local, "e logo, buscariamos os restantes responsables desta moción", apunta.

A asociación dará un prazo aproximado dunha semana á Administración local para que anule o acordo, que apoiaron todos os grupos municipais excepto o PP, que votou en contra. Pola contra, formalizará a demanda. "Queremos que se de conta de que o que está a facer é ilegal e, se non revoga a decisión, iremos aos xulgados", recalca Castellanos.

Comentarios