Expertos internacionais analizan en Pontevedra a praga do nematodo do piñeiro

A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra acolleu hoxe unha xornada dedicada á análise técnica da praga do nematodo do piñeiro na que participaron preto de 300 expertos, incluídos relatores europeos e xaponeses, informou unha nota da administración autonómica.

A xornada desenvolveuse en tres sesións, unha dedicada aos aspectos básicos, biolóxicos e legais do nematodo; outra en relación ao coñecemento científico sobre o control desta praga; e unha terceira centrada nos plans de continxencia que se están desenvolvendo en Europa, e máis concretamente en España e en Galicia.

Entre os participantes nas conferencias atopábanse o italiano Christophe Orazio, director de Efiatlantic, e o xaponés Hiroshi Hoshi, responsable do Instituto de Investigación Forestal e Produtos Forestais de Tohoku.

O especialista nipón animou aos responsables da Consellería de Medio Rural a que viaxen ao seu país para coñecer o traballo desenvolvido para erradicar ou frear unha praga do nematodo do piñeiro que veñen sufrindo desde hai un século, pero que fai 30 anos souberon frear grazas a unha mellora xenética das árbores.

Nas xornadas, varios investigadores europeos expuxeron os avances no coñecemento sobre a bioloxía do insecto vector, sobre o que viaxa o nematodo, e tamén sobre as múltiples liñas de actuación enfocadas ao control das pragas.

Gabriel Toval, responsable do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, destacou que neste encontro de especialistas constatouse que o transporte da madeira contaminada é un dos factores de maior risco para a transmisión desta praga.

Comentarios