Feijóo anuncia un investimento de nove millóns para consolidar o polo de drons en Rozas

O presidente da Xunta destacou que as actuacións postas en marcha no aeródromo permitiron mobilizar 150 millóns e conseguiron captar a atención de máis de 200 empresas de diferentes lugares do mundo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este martes que o goberno galego habilitou unha partida de 9 millóns de euros no orzamento autonómico do próximo ano para consolidar o crecemento do polo tecnolóxico de Rozas e o desenvolvemento do sector aeronáutico na comunidade.


Feijóo fixo este anuncio no transcurso dunha visita ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei, na que estivo acompañado polo secretario de Estado de Defensa e presidente do INTA, Agustín Cone, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.

O xefe do goberno galego recordou que facer crecer o polo tecnolóxico de Rozas significa "facer crecer a industria galega a través da innovación e a tecnoloxía", así como incrementar a formación e o emprego cualificado; ademais de mellorar as perspectivas económicas en provincias como as de Lugo e Ourense, "onde non só queremos que o sector primario sexa unha fonte de emprendemento, senón tamén iniciativas como a de Rozas", aclarou.

Nesa liña, precisou que 2018 será un ano no que o orzamento da Xunta de Galicia en materia de innovación crecerá como "en ningún outro exercicio" económico, en concreto nun 26%, asegurou, o que en termos absolutos significa 16 millóns de euros.

Tamén aproveitou esta visita para facer balance do que foron estes dous anos de desenvolvemento do polo tecnolóxico de Rozas e para avaliar os novos obxectivos desta iniciativa, entre os que se atopa a construción dos novos hangares -que contribuirán a consolidar o proxecto- e a elaboración dun plan director para planificar o futuro do CIAR.

Durante a súa intervención, recordou que as empresas e centros de coñecemento galegos que se sumaron a esta iniciativa da Xunta xa empezaron a comercializar algúns dos produtos desenvolvidos a partir dos seus contratos cos socios "estratéxicos e industriais de Rozas".

Anunciou, ademais, que "nos próximos meses, porase en marcha unha aceleradora para proxectos aeroespaciais e a Business Factory Aeronautic, que estará situada no edificio da antiga Residencia -Hospital Xeral-Calde- de Lugo".

Feijóo destacou que, ata agora, as actuacións postas en marcha en Rozas permitiron mobilizar 150 millóns de euros e conseguiron captar a atención de máis de 200 empresas de diferentes lugares do mundo.

Ademais, xeraron emprego a través dos 17 contratos asinados coas trinta empresas e centros de coñecemento galegos que colaboran con esta iniciativa.

De feito, precisou que Indra e Babcock, dúas grandes multinacionais da industria aeroespacial que foron seleccionadas como socios tecnolóxicos neste proxecto, desenvolveron xa nas instalacións de Rozas vinte proxectos conxuntos para a fabricación de avións non tripulados de uso civil, tanto para planificación urbanística, como salvamento marítimo, seguridade da flota pesqueira, calidade das augas ou xestión forestal.

Comentarios