Feijóo estima que os aeroportos perderán un 40% do seu tráfico ao entrar en competencia coa AVE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu hoxe na necesidade de coordinación entre os tres aeroportos galegos xa que ademais da caída de pasaxeiros debido á crise, hai informes que apuntan que coas vías de alta velocidade ferroviaria tanto A Coruña como Vigo perderán un 40 % do seu tráfico e Santiago de Compostela un 33 %.

Esta tarde constitúese o comité de coordinación aeroportuaria coa participación de representantes do Ministerio de Fomento, da Xunta e dos tres municipios con terminal aeroportuaria en Galicia, na que se ofrecerán estes datos, avanzou o xefe do Executivo galego.

Tras a reunión do Consello da Xunta, en declaracións aos xornalistas, Núñez Feijóo asegurou que se antes era "fundamental a coordinación, nos próximos anos será imprescindible". Aludiu na súa intervención a senllos informes, tanto da Xunta como un elaborado por Aena, que "coinciden basicamente" na diagnosis da situación e que pasa "por potenciar A Coruña e Vigo en destinos nacionais, Madrid e Barcelona, e por que Santiago sexa terminal de lecer captar tráfico que chega de destinos internacionais".

Ademais, estes informes, dixo, tamén inciden na necesidade de baixar prezos de aparcadoiros públicos nos aeroportos que, "están excedidos" e por reforzar o transporte público entre os aeroportos e as cidades. "A entrada en xogo da AVE impón a necesidade de coordinar realmente os tres aeroportos. Se non, estaremos nunha situación que imos lamentar e nós non imos ser cómplices", dixo.

O xefe do Executivo galego asegurou que o plan estratéxico que defende a Xunta é "unha invitación ao sentido común" xa que pon sobre a mesa cuestiones que hai que afrontar, como a perda de pasaxeiros derivada da posta en marcha do trazado de alta velocidade, que debería empezar a funcionar en 2018. Dixo que, a pesar de que Galicia carece de competencias sobre política aeroportuaria, a Xunta considera "inevitable" coordinar as tres "terminais", pór en marcha unha central para determinar que voos son razoables para promocionar e potenciar Galicia "como destino único", e ofrecer aparcadoiros e transporte público máis accesibles. "Falta de coordinación hai dabondo e esta formulación é unha invitación ao sentido común", insistiu.

Para Núñez Feijóo, o sistema "foi moi mal dimensionado na anterior lexislatura", con obras nos tres aeroportos de forma simultánea e "sen ter en conta" a construción da rede de alta velocidade ferroviaria. "Foi unha mala planificación e agora hai que diminuír o impacto", indicou o presidente galego, que matizou que sobre as obras de mellora na seguridade non ten nada que dicir, aínda que, insistiu: É "moi discutible o que se fixo en anos anteriores" en terminais e aparcadoiros.

Coa posta en marcha do trazado de alta velocidade ferroviaria "van sufrir" o transporte por estrada e os aeroportos, polo tanto a Xunta invita a tomar decisións reflexionadas: "non é partidismo é responsabilidade, querer a Galicia ou non querela; cada un é responsable do que fai", concluíu.

Comentarios