A Festa do Mar celebrará os seus 15 anos de vida coa ‘fichaxe’ dun pregoeiro

Será a primeira vez que a cita, que se celebrará en Combarro entre o 19 e o 23 de agosto, conte cun ‘contramaestre’, cuxa identidade se dará a coñecer nos próximos días
La presentación del evento gastronómico tuvo lugar el pasado miércoles en el Casal de Ferreirós
photo_camera La presentación del evento gastronómico tuvo lugar el pasado miércoles en el Casal de Ferreirós

A décimo quinta edición da Festa do Mar de Combarro estará chea de sorpresas. Así o aseguraron os responsables do evento gastronómico, que comezará o vindeiro mércores e finalizará o día 23 de agosto. Entre as novidades destaca a incorporación dun ‘contramaestre’, unha figura similar á do pregoeiro das festas cuxo nome dará a coñecer a organización nuns días. Outra das novas actividades será o Armadiña Kids, unha iniciativa cuxo obxectivo é tratar de achegar o rock a un público máis infantil. A iniciativa será gratuíta e terá lugar na Escola do Campo de Combarro. Doutra banda, o Concello dará continuidade a actividades postas en marcha na pasada edición como, por exemplo, o ‘Armadiña Sesións Vermú’, que contará con actuacións de grupos de jazz, folk e blues.

Asimesmo, o Concello volverá habilitar un posto no que se poderán degustar ameixas e mexillóns da ría de Pontevedra, "para promocionar os nosos produtos e apoiar ao sector, xa que ultimamente está sendo moi castigado a consecuencia dos peches biolóxicos", afirmou o pasado mércores o concelleiro de Turismo, Xosé Luís Martínez. As novidades non quedan aí, xa que tamén haberá un campionato de Kaiak-polo o sábado durante todo o día no paseo de Combarro. O propio Xosé Luís afirma que este deporte conta con moitos seguidores.

A gran variedade de actividades que completan o programa inclúe a XX Concentración de Embarcacións Tradicionais, teatro, deporte, proxeccións de documentais mariñeiros, degustacións gastronómicas a prezos populares e numerosos concertos durante os cinco días que dura a Festa do Mar. A ‘Carpa Mariñeira’, de 1.500 metros cadrados, albergará as casetas gastronómicas e unha mostra de exposicións relacionadas co mar. Os concertos celebraranse na Praza da Chousa e comezarán o mércores co grupo La Guardia ás 23.00 horas, seguido de Carlos Baute, a partir das 23 horas o xoves 20. O venres será a quenda do Armadiña Rock, para o que se habilitará unha zona de acampada gratuíta preto das instalacións deportivas do campo de fútbol. O sábado amenizará a velada a orquestra América e o domingo actuará a orquestra ‘The Boys Machine’.

O Concello recomenda aparcar na zona da chaira da Seca, onde se habilitarán prazas de estacionamento.

Comentarios