As festas de Nadal relocen xa en Pontevedra

O Coro do Instituto interpretou panxoliñas durante o prendido. rafa fariña
photo_camera O Coro do Instituto interpretou panxoliñas durante o prendido. rafa fariña

PONTEVEDRA. A cidade deu por inaugurado onte o Nadal co prendido do alumeado nas rúas e prazas da vila. Tras un gran ‘Oh’ de asombro pronunciado por case un centenar de persoas que se congregaron na praza da Ferrería para ver en directo o acendido da árbore, os membros do Coro do Instituto -dirixido por Enrique Lareo- interpretaron panxoliñas como ‘O Bo Rei Don Wenceslao’. Estas pezas foron aplaudidas polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e tamén pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro; amais de por membros de Aempe ou da asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental. «Moi ben cantado e moi ben dirixido!», pronunciou o rexedor ao rematar a interpretación.

O alumeado acompañará a actividade da cidade ata o vindeiro 6 de xaneiro de 18 horas ata a unha da madrugada, exactamente igual que o ano pasado. Segundo explicou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, a redución de horas de alumeado xa se fixera hai aproximadamente catro anos e, desde entón, non se realizaron máis cambios a este respecto.

Comercio

Tampouco sufriu variacións o número de rúas que dispoñen de alumeado nin o presuposto destinado ao prendido que se puido gozar onte por primeira vez este Nadal.

O Concello conta para o mesmo coa colaboración de varias asociacións de comerciantes da cidade, concretamente de Aempe, da asociación de comerciantes de Loureiro Crespo, do mesmo colectivo que regula a actividade na rúa Rosalía de Castro e o seu homólogo no casco antigo.

A intención compartida entre estes conxuntos e o Concello é a de que o ambiente de Nadal se vexa reflectido nas rúas. Segundo Riveiro, «Pontevedra é unha vila que recibe a moita xente durante o Nadal, xa que vén aquí a realizar as súas compras. Do mesmo xeito, a xente de aquí tamén acode ao comercio local nestas datas sinaladas, de aí que consideremos que esta estampa contribúe a dinamizar a actividade comercial da nosa cidade».

O prendido das luces na Praza da Ferrería foi a primeira das citas do programa ideado polo Concello para o Nadal de 2013-2014. As actividades continuarán na fin de semana cuns obradoiros de papiroflexia e maché que se celebrarán mañá na praza de Curros Enríquez -o primeiro deles ás 10 horas, o segundo ás 17.30- e con outros eventos que se celebrarán en todas as rúas e parroquias da cidade ata o 5 de xaneiro, data na que por fin os Reis Magos saudarán aos nenos no Pazo da Pedreira e na posterior cabalgata.

Este ano, como dixeron dende o Concello, non haberá día no centro e nas parroquias sen actividades.

Comentarios