O Galo en Vila de Cruces, kikirikí nas Rías Baixas

Miles de persoas asistiron este domingo no concello dezano ao evento gastronómico, que pregoou, de forma improvisada, o humorista Javier Veiga ► Acudiron Ana Pastor e Alfonso Rueda
Pastor y Rueda llegando a la fiesta a la primera fila de las autoridades.
photo_camera Pastor y Rueda llegando a la fiesta a la primera fila de las autoridades.

Á primeira hora da mañá deste domingo todo facía presaxiar que a vixesimoterceira edición da Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces sería un fracaso. Caía auga a ballóns. Pero a mañá foise despexando, incluso saíu o sol a intres e os asistentes contáronse por miles, algo que, por outra banda, é o habitual neste xa arragaido evento gastronómico, cuxo pregón correu a cargo do humorista Javier Veiga. Sen papel algún e de forma totalmente improvisada, Veiga aplicouse na área que mellor coñece, o humor. Así, dixo que o 'galo' era de curral en Vila de Cruces, pero nas Rías Baixas "é o kikirikí" e punto. Demostrou coñecer Vila de Cruces a fondo, sobre todo bares e pubs, pero tamén empresas e datos como o número de parroquias, 28.

Ante o numeroso público que abarrotaba a carpa instalada na Praza Juan Carlos I e ante a atenta mirada das numerosas autoridades presentes, entre elas a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, e o vicepresidente da Xunta e máximo responsable provincial do PP, Alfonso Rueda, o humorista non se cortou un chisco ao dicir que o galo de curral de Cruces era moito 'galo' "caga por riba do capón de Vilalba e monta na galiña de Mos". Veiga implicou ao público no seu breve, pero ameno pregón; fixo cantar aos asistentes, que tamén intentaron cumprir co seu mandato de facer a onda. Ao escenario tamén se subiron Os Coribantes e Treixadura. A súa música tradicional actuou como aperitivo da degustación de galo nos restaurantes, que se complementou con outra de carácter popular, a pé da carpa. A sobremesa, tamén musicial, puxérono pola tarde as bandas de música de Ponteldesma, Padrón, Lalín e Merza.

Comentarios