Grecia e os seus acredores alcanzan un acordo para un terceiro rescate

Tras unha negociación que se prolongou durante case vinte horas, o proxecto de lei introducirase proximamente no Parlamento co obxectivo de sometelo a votación o xoves

Grecia e os seus acredores alcanzaron un acordo para o programa de rescate, confirmou o ministro de Finanzas, Euclides Tsakalotos, quen, non obstante, recoñeceu que aínda quedan algúns "moi pequenos detalles" que pechar.

Tras unha negociación que se prolongou durante case vinte horas, as partes lograron pechar as últimas diferenzas e espérase que nas próximas horas o proxecto de lei poida introducirse no Parlamento, co obxectivo de sometelo a votación o xoves.

"Temos fumata branca", sinalaron fontes gobernamentais cara ás 08.30 hora local (05.30 GMT), tras unha xornada maratoniana de negociacións que tan só foi interrompida por unhas horas para que Tsakalotos e o ministro de Economía, Yorgos Stahtakis, informasen o primeiro ministro, Alexis Tsipras, sobre o curso das conversacións.

Ao saír da reunión, Tsakalotos, visiblemente canso, dixo estar satisfeito pero engadiu que aínda quedan por pechar "un ou dous moi pequenos detalles".

O proxecto de lei, que incluirá tanto o programa de rescate como un primeiro paquete de medidas previas necesarias para obter o primeiro desembolso, entrará este martes mesmo no proceso lexislativo co obxectivo de que a votación se celebre o xoves, e un día despois o Eurogrupo poida aprobalo oficialmente.

Grecia tiña présa por pechar o acordo para poder obter o primeiro desembolso antes do día 20, data na que vencen pagos ao Banco Central Europeo por valor de 3.400 millóns de euros.

Un dos puntos que se acordaron na recta final das negociacións, con especial importancia para Grecia, foi o relacionado cos obxectivos orzamentarios.

Ambas as partes conviñeron que Grecia non deberá tomar medidas adicionais para compensar o desvío nos obxectivos de superávit primario que se prevén debido ao forte retroceso económico rexistrado nos últimos meses.

Para o ano en curso, Grecia e as institucións —Comisión Europea, Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional e Mecanismo Europeo de Estabilidade— acordaron que en lugar dun superávit primario dun 1% do produto interior bruto (PIB), tan só será necesario un déficit primario do 0,5%.

Para 2016 previuse un superávit primario do 0,5%; para 2017, do 1,75%, e finalmente para 2018, do 3,5%, o obxectivo que se fixou inicialmente.

Aínda que por agora non se coñeceron os restantes detalles do acordo, fontes do Goberno sinalaron que tamén se logrou un compromiso en canto ao tratamento que se darán aos créditos morosos dos bancos —un dos principais escollos da negociación— así como o formato xurídico que tomará o novo fondo de privatizacións.

Grecia espera obter nun primeiro desembolso 24.000 millóns de euros, dos que 10.000 millóns se destinarían á recapitalización da banca, 7.200 millóns a devolver o crédito ponte obtido dos socios da eurozona en xullo e outros 5.000 millóns ao pago de vencementos ao FMI e ao BCE, en agosto e setembro.

Comentarios