Amigos das Festas ultima a celebración da segunda edición de Caldas Xoven

La instalación de los carruseles en A Tafona comenzó el pasado martes. (Foto: David Freire)
photo_camera La instalación de los carruseles en A Tafona comenzó el pasado martes. (Foto: David Freire)

Cun ollo posto no ceo e outro na previsión meteorolóxica, Javier Arca non oculta a súa preocupación por que as previsibles choivas de toda a semana poidan influír en que a segunda edición de Caldas Xoven sexa todo un éxito. O prato forte será mañá pola noite, cunha verbena amenizada polas que, din os entendidos, son as orquestras do momento: Panorama, París de Noia e Pontevedra.

Tanto este espectáculo como as demais actividades cambiarán de emprazamento, xa que as obras da Carballeira impiden celebrar alí a festa, que foi trasladada á Tafona. Aínda que estaba previsto acometer os traballos en marzo, non foi ata esta semana que se valou a zona. En todo caso, a organización xa estaba realizada. «Eu penso que iso é un pouco anecdótico. Hai malestar entre a xente de Caldas porque prefire a festa na feira, pero as obras previstas así o requiren. Somos da idea de facelas na feira, pero é unha cousa de forza maior a que o impide», sinala Arca.

Él é o portavoz da comisión, formada por cinco integrantes da asociación Amigos das Festas e cinco colaboradores, que levan meses recadando fondos entre particulares, empresas e entidades para celebrar a cita, que o ano pasado «foi un éxito total». «A idea é facer unha actividade como reclamo, á parte das festas de agosto», que, por certo, organizaron entre 2007 e 2011. «Á comisión de Caldas Xoven gustaríalle poder gozar das festas patronais sen ter responsabilidades, e que sexan o máis grandes posibles porque son os festexos de todos os caldenses, pero iso -apostila Arca- non nos exime de que tratemos de traer as mellores orquestras para a nosa verbena. É unha competencia sa». Se son mellores ou peores as de Caldas Xoven ou as patronais «terao que dicir a xente». «O que está moi claro é que nós apostamos polas orquestras que teñen máis tirón nestes momentos».

A intención da organización, engade o seu portavoz, é «tratar de que sexan as mellores festas. O día que perdamos esa ambición é mellor que deamos paso a outra xente».

Fondos

A cita ten a súa consolidación garantida «mentres as casas comerciais e os veciños nos apoien coa súa achega e o público acuda en masa ao evento. Con iso, o obxectivo está cumprido». No entanto, teñen na complicada situación económica un inimigo a bater. «Cando vas pedir, á xente cústalle moito e máis nestes tempos, pero os que respondían ségueno facendo e os que non miran para outro lado. Cada ano cústanos máis conseguir o presuposto», apunta Arca, aínda que tamén se amplía o programa.

Unha iniciativa que teñen en marcha para recadar fondos é a venda de rifas a un euro para o sorteo de 600 euros en vales de compra para gastar nos comercios colaboradores, que gañará a rifa que coincida coas últimas catro cifras do sorteo da Lotería Nacional do 12 de abril. Aínda que a venda «vai lenta», queren despachalas o fin de semana.

Comentarios