Achan o cadáver dunha muller desaparecida en Salvaterra de Miño

O corpo foi descuberto nunha mina, a escasos metros da súa vivenda

O cadáver dunha muller que se atopaba desaparecida desde a mañá deste domingo, foi atopado a últimas horas do día nunha mina, moi preto da súa vivenda e nunha zona de moi difícil acceso. Sobre as 18:30 horas, a Garda Civil solicitaba colaboración ao 112 Galicia para a procura dunha muller que faltaba da súa casa desde o mediodía.

Enseguida, desde o Centro de Atención ás Emerxencias púxose en marcha un operativo no que participaron os efectivos de Protección Civil de Ponteareas e de Porriño. A Policía Local tamén foi alertada.

Pasados uns minutos das 20:00 horas do domingo, a Garda Civil comunicaba a localización da muller a uns 40 metros da súa vivenda.

Debido á maleza que había aos arredores, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Ponteareas que, finalmente rescataron á muller. Os membros do parque comarcal de Baixo Miño tamén foron alertados por se nalgún momento fose necesaria a súa intervención.

Comentarios