Interceptan en Foz a un condutor que perdeu o carné en 2011 e caducoulle a ITV en 2013

O condutor resultou ser un veciño de Alfoz de 42 anos, que fora imputado por estes mesmos feitos no ano 2015

A Garda Civil investiga a un condutor interceptado en Foz que perdera a vixencia do permiso en 2011 e circulaba coa ITV caducada desde 2013. Segundo informou o Instituto Armado, o condutor foi interceptado na madrugada do día 26 de febreiro sobre a 1.15 horas no marco dun dispositivo de seguridade cidadá despregado no quilómetro 31 da estrada N-642 (Porto-San Cibrao), na entrada de Foz.

En concreto, segundo relatan as mesmas fontes, a patrulla do Destacamento de Tráfico de Vilalba detivo a marcha dun vehículo Renault Clío e, tras solicitar a documentación tanto do vehículo como do condutor, os axentes comprobaron que o individuo perdera a vixencia do permiso de conducir no mes de abril de 2011.

O condutor resultou ser un veciño de Alfoz de 42 anos de idade, que fora imputado por estes mesmos feitos no ano 2015, segundo concreta a Benemérita, que engade que con esta actuación púidose comprobar tamén que o vehículo tiña caducada a Inspección Técnica de Vehículos desde 2013.

Por esta causa, este condutor interceptado foi informado da súa condición de investigado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria.

Comentarios