Jenaro Castro encargarase de dar o pregón de San Froilán

O xornalista Jenaro Castro será este ano o encargado de dar o pregón de San Froilán. Lucense de Pol, Castro é actualmente director de Informe Semanal, un dos programas de referencia de Televisión Española, e é desde hai moitos anos colaborador de El Progreso.

Castro abrirá as festas o día 4, cunha intervención que dará paso a dez intensos días de festa. O xornalista foi elixido como pregoeiro onte, a proposta do PP, grupo ao que este ano tocaba elixir á persoa encargada de abrir os festexos de Lugo.

Comezou a súa carreira na SER onde realizou labores de redacción en Hora 25 e no informativo matinal. Na cadea, traballou xunto a Iñaki Gabilondo e Carlos Herrera entre outros. Máis tarde traballaría na COPE onde foi director dos informativos do fin de semana, colaborou no programa de Luis del Olmo e foi subdirector do programa matinal con Manuel Antonio Rico.

En 1990 ficharía por TVE, debutando no programa Pola mañá con Jesús Hermida, para despois volver á radio e regresar de novo a televisión pública na primeira emisión de Diario Noche. A partir dese momento estivo ininterrompidamente nos informativos sendo editor adxunto do programa, os avances informativos da mañá e da primeira edición do telexornal, e foi o responsable de presentar o avance á 13:00 horas. En 1997, e durante varios meses encárgase da edición e presentación do Telediario Fin de Semana.

Comentarios