Xornada de celebracións

Que a profesión xornalística non está para tirar foguetes non é ningunha novidade. Con todo, onte foi San Francisco de Sales, patrón dos xornalistas, e converteuse nun bo motivo para celebrar e acordarse da importancia da profesión. Hei de dicirlles que eu preferise celebrar o noso patrón cun día non laborable como cando ía ao colexio, pero tal e como están as cousas, non creo que ninguén vaia marcar a data como festiva no calendario do próximo ano... ¡eu déixoo caer por se alguén me quere escoitar!

De todos os xeitos, a celebración importante dos xornalistas da cidade está marcada para o venres 3 de febreiro. Esa noite é a cea da prensa na cidade e estou ansiosa porque chegue xa. Esta é unha cita para a que sempre teño grandes expectativas e nunca me defrauda. Non se preocupen que, aínda que sexa noite de festa, eu irei coa miña 'libretiña' para tomar boa conta de todo o que alí ocorra. Sobre quen recaerán este ano os premios laranxa e limón?

Falando de celebracións teño que informarlles de que onte estivo de aniversario o concelleiro de ICdR, Fernando Pérez. O edil recibiu numerosas felicitacións no seu Facebook e eu non podo ser menos. Teño que dicirlle ¡Moitas felicidades e que cumpras moitos máis! A verdade é que ir sumando anos e levalos así de ben é un gustazo.

Para terminar hei de dicirlles que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, estivo onte na cidade e, polo que me contan, levou unha gran sorpresa ao ver a todos os medios agardando a súa chegada. Parece ser que el quería vir de 'incógnito' a visitar as instalacións de Amencer, pero nós saímoslle ao encontro. Quizá por iso é que non traía unha das súas coloridas gravatas que sempre. Iso si, mostrouse moi cariñoso cos nenos.

Comentarios