Xubilados da mercante norueguesa reclaman o pago das súas pensións

Os mariñeiros galegos aos que Noruega lles nega a súa pensión de xubilación a pesar de cotizar durante anos, nalgún caso décadas, nese país decidiron dar un paso máis e facer un chamamento ao boicot aos seus produtos. A súa forma de chamar a atención foi tomar dous autobuses e concentrarse onte ante a Embaixada e a Cámara de Comercio norueguesas en Madrid.

Trátase dun colectivo de 12.000 persoas en toda España, unhas 10.000 en Galicia, que traballaron en barcos de empresas da mariña mercante norueguesa entre 1940 e 1990. Con todo, o país nórdico decidiu non abonar as pensións correspondentes ás súas cotizacións (de entre un 30 e un 40%) argumentando que non eran residentes, ao traballar en barcos e nunca solicitar este estatus.

A Asociación Long Hope, que agrupa a boa parte dos afectados, leva anos reclamando o pago das pensións ou, na súa falta, a devolución das retencións que lles realizaron nas súas nóminas durante tantos anos, algo que polo momento non obtivo resposta positiva por parte de Noruega.

MOBILIZACIÓNS
A de onte foi unha xornada especial para os mariñeiros xubilados. Saíron a noite anterior en autobús desde as comarcas do Salnés e O Morrazo principalmente, entre eles un grupo de marinenses, e durante a mañá realizaron as dúas concentracións, contando para iso co respaldo doutros afectados de Madrid, así como do deputado autonómico de Age, Juan Fajardo, e a responsable de Podemos-Noruega, Maria Isabel Pereira. Así mesmo, sumáronse á iniciativa os sindicatos CC.OO. e UGT, a Marea Granate (estudantes) e as Marchas pola Dignidade, entre outros colectivos.

"Contamos con máis de 136.000 firmas de apoio e reclamamos que España demande a Noruega por este incumprimento da súa obrigación de abonar as pensións, algo que xa trasladamos aos ministerios de Xustiza, Emprego e Exteriores", explicou o portavoz de Long Hope, Alberto Paz Viñas.

Comentarios