Kerry culpa a Teherán da falta de acordo, pero mantén a confianza en que este se alcance nos próximos meses

O secretario de Estado estadounidense, John Kerry, asegurou hoxe que espera que se logre un acordo sobre o programa nuclear iraniano nos próximos meses e culpou a Teherán da falta de pacto nas recentes reunións de Xenebra.

"A nosa esperanza é que nos próximos meses poidamos atopar un acordo aceptable para todos", dixo o xefe da diplomacia estadounidense en Abu Dabi, onde chegou onte para reunirse cos responsables emiratíes.

Kerry afirmou que o grupo 5+1 e Irán fixeron "progresos" nas súas reunións na cidade suíza, pero que os iranianos "non eran capaces de aceptar neste momento" a proposta internacional.

Nunha rolda de prensa conxunta co seu homólogo emiratí Abdalá bin Zayed al Nahyan, indicou que a pesar das negociacións Washington non está "nunha carreira" para lograr o éxito das mesmas.

Para tranquilizar ao seu aliado emiratí, fixo fincapé en que o seu país non permitirá que Irán adquira armas nucleares porque este punto é "central para a política dos EE UU". Subliñou que protexerá os seus aliados rexionais, que as sancións contra Irán continúan e que manter conversacións "non significa renunciar a nada", incluída a opción militar. "Un Irán nuclear é unha ameaza para Israel e a rexión", alertou Kerry, quen subliñou que un acordo protexería de modo "máis eficaz" o Estado hebreo.

Na mesma liña, apostilou que  "os EE UU non farán nada nas negociacións con Irán que afecte as relacións estratéxicas cos Emiratos".

O ministro emiratí de Exteriores sinalou ao respecto que as diferenzas entre os EE UU e o seu país e outros estados do golfo Pérsico sobre Irán ou Siria esaxeráronse".

Al Nahyan recoñeceu diverxencias nalgúns pasos dados polos EE UU pero destacou que "non hai un desacordo sobre a estratexia global na rexión".

O responsable estadounidense advertiu doutra banda de que se se renuncia á diplomacia poríase en perigo a unidade da comunidade internacional e que manter a Irán illado tamén é un risco. Por iso, Kerry remarcou que é responsabilidade do seu país proseguir coas negociacións e que os países do G5+1 (EE UU, Rusia, Gran Bretaña, Francia, China, máis Alemaña) mantivéronse unidos.

Durante a súa visita a Abu Dabi, Kerry reuniuse, entre outros, co príncipe herdeiro de Abu Dabi e subcomandante supremo das Forzas Armadas emiratíes, Mohamed bin Zayed al Nahyan.

Emiratos é escéptico ante as negociacións con Irán e considera que un eventual pacto sobre o seu expediente atómico iría en beneficio do réxime de Damasco, aliado de Teherán, e, por extensión, da minoría xiíta presente en Arabia Saudita e o Iemen.

Namentres, Irán e o Organismo Internacional para a Enerxía Atómica (OIEA) asinaron hoxe un acordo que porá baixo inspección internacional o reactor de auga pesada de Arak e a mina de uranio de Gachin.

Comentarios