A adxudicación do xeriátrico das Sinas queda deserta por falta de ofertas

Lonxe de que a xornada de hoxe supuxese un punto e aparte no futuro da Residencia Valle-Inclán, de Vilanova, o acontecido en Santiago e Pontevedra, alimenta a convicción dos representantes dos traballadores despedidos de que os actuais responsables da empresa seguirán xestionándoa.

Ás 10.30 horas estaba anunciada a apertura das ofertas para outorgar as 110 prazas concertadas co xeriátrico, ao finalizar o prazo de concesión. Celebrouse en Consellería de Presidencia, e deparou unha sorpresa.

Elena Campoamor, da CIG, que estivo presente xunto con dúas extraballadoras, desvelou que cinco propostas cumpriron os requisitos esixidos, unha quedou fóra por non facelo, e a outra  foille concedido un prazo para que entregase un aval da súa solvencia económica e técnica.

A firma chámase Euroconsultores Socio Sanitarios SL e presentou como sede social unha fotografía da Residencia Valle-Inclán. Esta empresa ten unha oficina de consultoría en Vigo, xestionou o centro de día de Sanxenxo e carece de persoal, apuntou Xoán Xosé Bouzas nunha rolda de prensa celebrada hoxe.

A sorpresa foi maiúscula, porque as instalacións cuxa foto figura na súa documentación de Euroconsultores Socio Sanitarios SL, xunto co seu equipamento, estaba previsto que fosen adxudicadas no Xulgado do Mercantil de Pontevedra ás 14.00 horas.

Bouzas, que acudiu á poxa, quedou deserta ante a falta de ofertas. A partir de agora, o administrador concursal terá as mans libres para negociar coas firmas que poidan estar interesadas, sen a obrigación de facelo ao mellor ofertante, expuxo.

O desenvolvemento dos acontecementos levou a Campoamor, Bouzas e Rosa Abuín, que tamén estivo presente, a expor a hipótese de que entre a Xunta e o administrador puidese existir unha conivencia para que os actuais xestores sigan á fronte, porque o propietario da residencia Vale- Inclán, Francisco Rodríguez Janeiro, é tamén apoderado e conselleiro de Euroconsultores Socio Sanitarios SL, indicaron os sindicalistas.

Comentarios