A aseguradora QBE consigna ante o xuíz 2,75 millóns para os afectados

QBE Insurance Europe, que asume o seguro de responsabilidade civil de Renfe, consignou de forma voluntaria nun xulgado de Santiago 2,75 millóns de euros para dar cobertura ás posibles responsabilidades a sufragar en concepto de pagos adiantados aos afectados polo accidente do tren Alvia.

Os importes anticipados por QBE serán de 25.000 euros por pasaxeiro para os casos de falecemento, de 5.000 euros para os casos de hospitalización superior a oito días, de 1.500 euros para os casos de hospitalización inferior a oito días e de mil euros para os casos de pasaxeiros lesionados que non precisen ingreso e de quen só sufran danos materiais.

O depósito, que se fixo efectivo onte, mércores, no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela, ten por obxecto pór a disposición dos afectados polo descarrilamento do tren Alvia do pasado 24 de xullo unha serie de importes para contribuír ao pago das necesidades económicas inmediatas, informou a aseguradora.

Estes anticipos poderán solicitarse no citado xulgado ou en calquera oficina comercial de Renfe.

QBE subliña que o pago desta cantidade non supón recoñecemento de responsabilidade pola súa banda ou dos seus asegurados, dado que a mesma deberá ser determinada polo órgano xudicial competente.

En consecuencia, a aseguradora resérvase o dereito de recobrar, total ou parcialmente, as cantidades anticipadas a quen finalmente se determinen como últimos responsables.

Pola súa banda, fontes do Ministerio de Fomento explicaron que a obrigatoriedade de pagar cantidades económicas por responsabilidade civil só é exixible desde que se establezan xudicialmente na sentenza xudicial, polo que este adianto é voluntario.

Así mesmo, explicaron que a póliza subscrita por Allianz, a empresa encargada de cubrir o seguro obrigatorio de viaxeiros de Renfe, amplía as coberturas e indemnizacións legalmente establecidas, o que permite cubrir gastos adicionais e elevar as contías das indemnizacións con respecto ás fixadas por lei.

Neste sentido, Renfe e Allianz están a traballar para iniciar á xestión das indemnizacións o máis axiña posible.

O seguro obrigatorio de viaxeiros que cobre Allianz é complementario e acumulable ás contías que puidesen corresponder como indemnización por responsabilidade civil.

Fomento, que se encarga de coordinar o anticipo do pago das indemnizacións dos afectados polo descarrilamento do tren, valorou a actitude colaboradora das aseguradoras e a súa disposición para afrontar as indemnizacións o máis axiña posible.

Comentarios