A astrofísica viguesa Begoña Vila, premio Wonenburger 2017

Esta distinción busca destacar o talento feminino en ámbitos relacionados coa ciencia

A astrofísica viguesa Begoña Vila recibirá o premio Wonenburger na súa edición deste ano, unha distinción que busca destacar o talento feminino en ámbitos relacionados coa ciencia.

Diso deu conta aos xornalistas o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, antes de participar no pleno da unidade Muller e Ciencia. Ademais, apuntou que este galardón se entregará en novembro para que a premiada poida recollelo "persoalmente".

Un xesto que agradeceu, pois supón o seu desprazamento desde Estados Unidos, dado que contribuirá a "servir de estímulo" para que "renda o exemplo" e se reduza a "moitísima diferenza" que segue habendo de presenza feminina e masculina nos ámbitos científicos.

Rueda mostrouse "seguro" de que "moitas mulleres, se se lles dan os apoios necesarios, poden conseguir o mesmo" que a premiada deste ano. 

Segundo datos da Xunta, Begoña Vila Costa é astrofísica e está especializada no estudo de galaxias espirais.

Na actualidade reside en Estados Unidos, onde recentemente foi premiada pola Nasa coa medalla que concede ás persoas que contribúen de forma relevante á misión da axencia espacial.

E é que se trata dunha das principais responsables do telescopio espacial 'James Webb', que substituirá ao 'Hubble', e lidera un equipo composto por máis dun milleiro de persoas e que conta cun orzamento de 9.500 millóns de euros.

Comentarios