A ciencia, apta para menores

Varios niños participando en los talleres de la Semana de la Ciencia en Pontevedra de una de sus anteriores ediciones. archivo d.p
photo_camera Varios niños participando en los talleres de la Semana de la Ciencia en Pontevedra de una de sus anteriores ediciones. archivo d.p

PONTEVEDRA. Con motivo da celebración da Semana da Ciencia, que comezou onte en numerosas cidades españolas, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia deseñou o seu propio programa de actividades para sumarse a esta iniciativa.

Dirixidos aos escolares de Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela, os talleres fomentarán a creatividade, a concienciación co medio ambiente e, sobre todo, a diversión. Contacontos, concursos e exposicións volverán converter aos máis novos nos verdadeiros protagonistas desta semana, que defende a ciencia contra vento e marea, procurando que non se converta nunha materia abandonada ou temida polos estudantes.

No caso de Pontevedra, os actos terán lugar entre o 14 e o 27 de novembro, e enmarcaranse na conmemoración do Ano Internacional da Cooperación na Esfera da auga.

O primeiro día, luns 11, inauguraranse dúas exposicións no Liceo Casino que permanecerán abertas ata o sábado 16 en horario de 10.00 a 22.00 horas.

Por unha banda, o público poderá gozar dos debuxos presentados ao concurso escolar ‘A auga', promovido polo CSIC a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) xunto co Liceo Casino, a Sociedade de Ciencias de Galicia (SCG) e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA-Deputación de Pontevedra).

Polo outro, estará dispoñible a mostra itinerante de paneis ‘A esfera da auga', producida polo CSIC e Aqualogy. Esta exposición divídese en dous grandes bloques: ‘Auga e Natureza' e ‘Auga e Sociedade'.

Do mesmo xeito, o xoves 14 de novembro celebrarase unha mesa redonda sobre esta temática e ao día seguinte se estregarán os premios do concurso escolar de debuxo. Ambas as citas terán lugar no Liceo Casino ás 19.00 horas.

Cabe destacar que, un ano máis, o CSIC organizará na cidade do Lérez varios talleres de investigación agraria ao redor das liñas de investigación da MBG. Estas actividades, que está previsto que se desenvolvan os días 25, 27 e 29 de novembro, diríxense ao alumnado de ESO, Bacharelato e ciclos formativos. Os interesados en participar deben inscribirse no teléfono 986854800 ou a través do correo [email protected].

Outras cidades

En Vigo e Santiago de Compostela o programa de actividades desenvolverase entre o 11 e o 17 de novembro.

Na cidade olívica hai preparadas dúas propostas: a exposición ‘Desde o papel á pantalla', que se poderá visitar na Biblioteca do IIM en horario de mañá e tarde, e unha sesión de contacontos e talleres creativos de ciencia mariña, que estarán dirixidos ao público familiar. Esta última iniciativa será o sábado 16 no IIM a partir das 17.00 horas.

No caso de Compostela, a ciencia estará presente nunha nova edición de Biodiversión, dirixida aos alumnos de Primaria (inscrición no teléfono 981590958).

As iniciativas pontevedresas conmemorarán o Ano Internacional da Cooperación na Esfera da auga

O CSIC organizará talleres de investigación agraria ao redor das liñas da Misión Biolóxica de Galicia os días 25, 27 e 29.

Comentarios