A Deputación acometerá a recuperación do xacemento arqueolóxico da Cruz do Castro

A Deputación de Pontevedra iniciará o vindeiro martes os traballos de recuperación e posta en valor do xacemento arqueolóxico do Alto da Cruz do Castro, na parroquia de Carballedo, en Cotobade.

O alcalde, Jorge Cubela, foi informado hoxe da actuación por parte da deputada Ana Isabel Vázquez e do arqueólogo que dirixirá os traballos, Ángel Concheiro. Na reunión tamén participaron representantes da Comunidade de Montes de Carballedo e membros da Asociación Canón de Pao..

Os traballos forman parte dunha iniciativa da administración provincial para contribuír á conservación e aproveitamento turístico e cultural do patrimonio e que inclúe actuacións en 16 castros da provincia.

Segundo explicaron, en Cotobade un equipo integrado por un arqueólogo e 10 auxiliares de arqueoloxía desenvolverán tarefas de limpeza do xacemento e colocación de elementos de protección das estruturas, co obxectivo tanto de mellorar a súa conservación como de facelo visitable.

Trátase dun castro de gran relevancia histórica, dado que tivo unha ocupación moi prolongada no tempo, segundo comentaron. Así, os datos permiten establecer que os primeiros poboadores do castro asentáronse nel en torno ao século IV ou V antes de Cristo e mantivo poboación de forma continuada ata o século V logo de Cristo.

Dos numerosos restos atopados nel, cobran especial importancia os materiais tardorromanos atopados no contorno da muralla. O castro dispón de defensas e polo escavado ata agora pode deducirse que as cabanas eran maioritariamente realizadas en material perecedoiro e que o poboado dedicouse sobre todo a tarefas agrarias.

Comentarios