A Deputación aproba co apoio do PP unha ordenanza xeral para regular as subvencións

O deputado López Font denunciou que entre os anos 2009 e 2015 a institución provincial repartiu 72 millóns de euros "a dedo"
Pleno de la Diputación celebrado este viernes
photo_camera Pleno de la Diputación celebrado este viernes

O Goberno bipartito da Deputación de Pontevedra, conformado polo Partido Socialista e o BNG, aprobou este venres, co apoio do Partido Popular, unha ordenanza xeral para todas as subvencións que se impulsen desde o organismo provincial.

A este respecto, o deputado socialista Carlos López Font asegurou que, "por primeira vez", a institución contará cunha ordenanza xeral para as subvencións, o que, precisou, "manifesta a aposta do novo equipo de goberno pola transparencia, obxectividade e criterios claros e ben definidos fronte á libre disposición e subvencións nominativas, discrecionais, subxectivas, clientelares, a dedo e discriminatorias do goberno de Louzán".

E é que, segundo denunciou López Font, entre os anos 2009 e 2015 a Deputación repartiu 72 millóns de euros "a dedo". Así, na liña desta denuncia, cualificou a xestión do anterior presidente da institución como un período "oscuriño, oscuriño".

A portavoz do PP, Elena Muñoz, sinalou como unha rectificación do bipartito que na ordenanza se inclúan conceptos que antes "demonizaron", como a entrega de subvencións por concorrencia non competitiva ou adxudicación directa. Elena Muñoz tamén se referiu ás críticas ao expresidente Rafael Louzán, recomendando aos membros do Executivo provincial que "deixen de satanizar o que fan outros gobernos".

A Deputación xestiona anualmente máis de 117 millóns destinados a subvencións e actividades de fomento

A ordenanza xeral será o marco público de xestión das subvencións da Deputación de Pontevedra e, nela, regularanse as convocatorias e os deberes detallados de cada parte, beneficiando, deste xeito, tanto aos receptores como aos xestores.

O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera, tachou de "sorprendente" a "defensa numantina" que fixeron os populares sobre "o famoso 20% de adxudicación discrecional" da presidencia da institución que permitiu a Louzán repartir máis de dous millóns de euros en subvencións nos seus últimos cinco meses de mandato.

"A partir de agora", explicou López Font, todos os solicitantes de subvencións terán a información de antemán con "claridade". "Reforzaranse as garantías xurídicas de concesión e recepción", engadiu López Font, xa que coa ordenanza que se acaba de aprobar regularanse todos os aspectos da relación xurídica subvencional, completarase o marco lexislativo de aplicación para evitar interpretacións subxectivas, garantiranse os prazos de pago aos acredores dos beneficiarios e as deducións de parte das subvencións por incumprimento de deberes, esixiranse formas de contratación máis transparentes e avanzarase en aspectos como as subvencións en especie.

A Deputación de Pontevedra xestiona anualmente máis de 117 millóns de euros destinados a subvencións e actividades de fomento. Dada a contía e o volume de subvencións, López Font considera que era "necesario" contar cunha ordenanza xeral de subvencións como a que se aproba este venres, que "manifesta o compromiso do novo goberno da institución coa transparencia, eficacia e eficiencia da xestión dos recursos públicos da Deputación".

Comentarios