A xornada laboral no contrato a tempo parcial poderá aumentar ata un 90%

A xornada laboral no contrato a tempo parcial con carácter indefinido poderá aumentar ata un 90 % se se pacta en convenio colectivo, sempre que o traballador estea contratado polo menos 10 horas semanais de media anual, informou hoxe o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

O decreto lei de mellora da contratación estable e a empregabilidade dos traballadores, aprobado hoxe en Consello de Ministros, prohibe a realización de horas extraordinarias, pero permite ampliar a xornada a través de horas complementarias, que poden ser pactadas e voluntarias.

As horas complementarias pactadas poderanse utilizar tanto en contratos temporais como indefinidos e permiten aumentar a xornada o 30 %, ampliable ata o 60 % por convenio, en tanto que o prazo de preaviso para a súa realización redúcese de 7 a 3 días.

No caso dos contratos indefinidos tamén se establecen horas voluntarias para as que non existe preaviso mínimo, pero que non poderán superar o 15 % da xornada, ampliable por convenio colectivo ata un 30 %. Ademais, establécese a obrigación de rexistrar día a día a xornada de traballo, ordinaria ou complementaria, para permitir un mellor control por parte da Inspección de Traballo

Tamén se potencia a distribución irregular do tempo de traballo, de forma que a bolsa horaria a disposición do empresario (do 10 % da xornada anual) pódese usar ata doce meses logo de cumprido o ano.

Comentarios