A choiva obriga a suspender as clases nun colexio da Lama e noutro de Fornelos de Montes

En ambos os centros estaban a realizarse obras na cuberta. Esixirase á construtora que se fagan cargo dos danos materiais

Os danos ocasionados polo temporal de choiva que afectou a Galicia durante a pasada madrugada obrigou a suspender as clases no CEIP da Lama e Doutor Suárez, en Fornelos de Montes. Segundo informa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estaban a realizarse obras de cambio da cuberta en ambos os centros, que só rexistraron perdas e danos de carácter material.

A Xefatura Territorial da Consellería en Pontevedra solicitou aos directores que contabilicen os danos nas instalacións e no material, cuxo arranxo e reembolso se esixirá ás empresas construtoras que se ocupan das actuacións, en cada caso.

O departamento autonómico está a analizar a situación para garantir a volta ás clases do alumnado afectado "coa máxima seguridade" e barállase o traslado dos estudantes a outras partes dos centros menos afectadas, tras terminar os traballos de limpeza e acondicionamento necesarios tras o incidente.

Estes centros pontevedreses xa foron dous dos catro centros escolares galegos nos que o luns non se puideron iniciar as clases con normalidade. E é que a Inspección educativa acordou coa dirección de ambos os centros trasladar aos alumnos a unha parte diferente ata que non conclúan as obras nas súas cubertas, para que a actividade lectiva poida continuar con "plenas garantías" de seguridade.

Comentarios