A plataforma lucense de emigrantes sancionados por Facenda sae á rúa

A plataforma que agrupa aos emigrantes retornados de Lugo sancionados por Facenda por non incluír nas súas respectivas declaracións da renda as pensións que perciben dos países estranxeiros nos que traballaron convocou para esta tarde unha manifestación polo centro da cidade.

Esa manifestación, segundo informou a propia plataforma, sairá ás seis da tarde da chaira que hai fronte ao edificio administrativo da Xunta e percorrerá varias rúas do centro de Lugo para esixir que Facenda "paralice os requirimentos que está a facer a diario para sancionar aos emigrantes retornados".

"Moitos emigrantes retornados, logo de décadas recibindo pensións dos países nos que estiveron a traballar, sen que esas rendas figurasen como ingresos a tributar, quedan agora atónitos ao comprobar que Facenda lles esixe o pago atrasado do imposto sobre a Renda, incrementado con intereses de demora e sancións", precisa o colectivo.

Segundo a plataforma, a maioría dos afectados "nunca foron advertidas desa obrigación", a pesar de que "en moitos casos" incluso acudiron a elaborar a súa declaración a dependencias oficiais Facenda, "orientadas e asesoradas por persoas ao servizo desa Administración tributaria".

A plataforma de Lugo xa se integrou na recentemente creada Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados para esixirlle á Axencia Tributaria que "paralice o envío de requirimentos", revogue os expedientes iniciados, anule as sancións e devolva o capital abonado xa por esas multas.

A manifestación dos emigrantes tamén será compartida polos afectados polas preferentes, que volverán saír á rúa para esixir a devolución íntegra dos seus aforros.

Comentarios