A Policía confirma un terceiro incidente na biblioteca presidencial

A policía de Boston, Massachusetts, informou hoxe dun terceiro incidente na cidade, este en a biblioteca presidencial, logo das dúas explosións rexistradas esta tarde e que deixaron, polo menos, dous mortos e case medio centenar de feridos durante o maratón celebrado na cidade.

O comisario da policía de Boston Ed Davis compareceu en rolda de prensa e revelou que un terceiro incidente "relacionado con lume" tivera lugar na biblioteca John Fitzgerald Kennedy (JFK) de Boston. "Non estamos seguros de que estes incidentes estean relacionados, pero estamos a traballar sobre a hipótese de que o estivesen", dixo, para asegurar despois que, nada máis coñecerse os sucesos, a policía local da cidade púxose en contacto cos corpos de seguridade do estado e a FBI.

Nun principio informouse dunha "explosión" na biblioteca.

A biblioteca presidencial JFK, dedicada ao ex presidente de EE UU e ex senador por Massachusetts, alberga documentos orixinais da administración de Kennedy, así como correspondencia, e material inédito de varios autores, entre eles de Ernest Hemingway.

A policía de Boston tamén indicou que polo momento todas as investigacións seguen abertas e que non se dispón de coñecemento suficiente como para poder valorar as causas.

Pola súa banda, o Centro Médico de Boston asegurou estar a tratar a 20 pacientes, entre eles a dous nenos, quen se atopaban na área próxima á liña de meta do maratón.

O gobernador de Massachusetts, Deval Patrick, tamén compareceu ante os medios, asegurou que o presidente Barack Obama púxose en contacto con el nada máis coñecer a situación e pediu aos cidadáns que se afastasen das multitudes e regresasen "de forma acougada" ás súas casas e hoteis. 

Comentarios