A primeira semana de vigor sáldase con 27 solicitudes de peche

A Comisión de Propiedade Intelectual recibiu por vía electrónica un total de 27 solicitudes de peche contra distintas páxinas web na primeira semana de vixencia do regulamento da chamada lei Sinde, confirmaron a Efe fontes ministeriais.

Estas demandas súmanse ás 200 presentadas o pasado un de marzo contra outras tantas páxinas, e depositadas no Rexistro da Secretaría de Estado de Cultura a modo de protesta, o primeiro día de funcionamento da sección segunda da Comisión de Propiedade Intelectual, posta en marcha en virtude do regulamento da citada lei.

A sección segunda desta comisión é a encargada de recibir as denuncias dos autores ante posibles violacións dos dereitos da propiedade intelectual en Internet, e pode chegar a interromper por un ano as webs que vulneren estes dereitos.

Esas 200 denuncias do primeiro día tiveron un valor simbólico e presentounas o músico Eme Navarro, socio da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), para denunciar que non se poden pór -dixo entón a Efe- portas ao campo".

Polo que respecta ás 27 denuncias restantes, foron presentadas por organizacións como Promusicae (asociación de produtores de música en España) e Cedro (o Centro Español de Dereitos Reprográficos) -tal como xa anunciaran anteriormente-, pero se descoñece o nome desas webs supostamente vulneradoras de dereitos de propiedade intelectual. O proceso on-line para presentar as denuncias é "longo e complexo", segundo fontes de Cedro.

Tamén presentou denuncias a Coalición de Creadores, entre cinco ou seis, segundo o seu presidente, José Manuel Tourné, quen felicitou á Secretaría de Estado de Cultura polo esforzo de pór en marcha esta ''ferramenta" para os titulares de dereitos.

COMBATER O P2P

Ante a posibilidade de que os internautas acudan, a partir de agora, ao sistema de intercambio de arquivos P2P, Tourné explicou que desde o peche de MegaUpload este tipo de intercambio de arquivos aumentou un corenta por cento, e que, xa que logo, aumentará tamén coa posta en marcha da nova comisión. No entanto, confía en que máis internautas acudan á oferta legal na rede, que cada vez é máis ampla.

Comentarios