A Semana do Libro celebrarase nos colexios e librerías de Marín

A concelleira de Cultura de Marín, Esther Crespo, foi a encargada de presentar a Semana do Libro, que terá lugar os últimos días deste mes. As actividades, que foron organizadas polo Concello, comezarán o martes pola mañá no CEIP Carballal. A agrupación Baobab Teatro será a encargada da primeira actividade deste ano, que será un contacontos titulado ‘Contos para un caldiño'. A cita terá lugar a partir das 10.30 horas.

O mércores continuarán as propostas. Nesta ocasión, Baobab Teatro trasladarase ata O Grupo, onde ofrecerán de novo aos nenos as súas historias, a partir das 09.30 horas. Ao mediodía chegará a quenda do CEIP A Laxe.

Xa pola tarde, a Biblioteca Municipal Vidal Pazos tomará a substitución de man do cine. Nela presentarase a curtametraxe editorial OQO. A cita será ás 17.30 horas. A semana proseguirá como está previsto que empece, da man dos contos contados orais e dalgunha que outra sorpresa. O xoves será a quenda dos colexios Virxe do Carme e Sequelo. Ambos recibirán a visita da agrupación teatral para ser testemuñas da súa posta en escena a través dos contos.

Á actividade de contar historias sumarase a librería marinense Bule Bule, especializada en literatura infantil. A tarde empezará da man da contacontos Queliña ás 17.30 horas. Á librería tamén acudirá a recoñecida escritora Fina Casalderrey, quen non só exercerá de 'contadora' senón que, ademais, presentarase a asinar exemplares dos seus libros para todo o que o desexe. A tarde do xoves planea ser divertida pois, ademais das sesións de literatura, haberá tempo para a música.

Trátase da achega cultural que realizará o grupo ‘Os Jalácticos', encargado de animar aos veciños cuns pasacalles que percorrerá varios puntos do centro da vila. Coa chegada do fin de semana a actividade tornarase máis intensa se cabe. O venres será a quenda dos colexios de Ardán e Seixo, aos que acudirán os membros de Baobab teatro para ofrecer a súa sesión de contacontos.

A Librería de Marín adquirirá todo o protagonismo da tarde ao ser elixida para albergar unha nova sesión de contacontos. Esta vez, a formación encargada será Pavís-Pavós, que a partir das 17.30 horas porá en marcha o armazón imaxinativo dos presentes estimulando coas súas palabras. De novo, ‘Os Jalácticos' botaranse á rúa para animar o ambiente.

O último día no programa de actividades será o vindeiro sábado, non por iso un día menos importante. A proposta darán comezo ás 10.00 horas da man dun taller de manualidades que estará dedicado á elaboración de separadores de libros e que se celebrará na Librería de Marín.

Conto cantado

A partir das 12.30 horas no IES Illa de Tambo, un contacontos moi especial, xa que será cantado pola formación Golfiños. A tarde abriraa, a iso das 17.00 horas, unha sesión de proxeccións de contos na Alameda, que se estenderá ata as 21.00 horas. Ao mesmo tempo terán lugar os talleres de maquillaxe e corazóns de chocolate no Multiusos do patio Sur da Praza de Abastos, para quen prefiran estar máis activos. A coñecida charanga Air Jalisia será a encargada de pór o broche final a esta semana dedicada á literatura, coa súa música. Crespo, destacou a intención de fomentar a lectura nos colexios e a asistencia da xente ás librerías, cos que nesta edición o Concello colaborou de forma estreita e animou a todos a participar.

Comentarios