A Sepi anuncia encargos para Navantia a ''moi curto'' prazo pero sitúa o dique flotante en fase de estudo

O presidente da Sepi, Ramón Aguirre, asegurou hoxe que nun prazo "moi curto" Navantia podería concretar un novo contrato internacional para a construción de buques militares, que reportaría carga de traballo aos estaleiros galegos, próximos a esgotar a súa carteira de pedidos.

Aguirre sinalou que espera que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anuncie este acordo. Aguirre evitou dar detalles sobre con que países están máis adiantadas as negociacións alegando "razóns de competencia", e limitouse a dicir que algúns pedidos teñen unha "maduración" que "xa está moi avanzada" e que será o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen o anuncie "en breves datas".

O presidente da Sepi viaxou hoxe a Ferrol xunto co vicepresidente da entidade, Federico Ferrer, para reunirse cos comités de empresa e os alcaldes dos municipios da zona, preocupados pola caída da actividade e a altísima taxa de paro na comarca. "Centramos todo o esforzo en buscar solucións", subliñou Aguirre, quen avogou por reorientar "a estratexia" de Navantia, cara aos mercados internacionais en busca de novos pedidos.

Tamén afirmou que "iniciou as xestións" para tratar de que a Unión Europea levante o veto imposto á antiga empresa Astano á construción naval civil ata 2015. "A competencia neste sector é moi forte e calquera acento de máis pode prexudicar, e impedir que as conversacións coroen", dixo Aguirre.

A PROPOSTA AO TAX-LEASE, DE INSPIRACIÓN FRANCESA
Respecto ao sistema de bonificación fiscal coñecido como tax lease, indicou que a proposta española á UE inspirarase no modelo francés, para tratar de lograr a aprobación de Bruxelas.

Aguirre participou esta mañá nunha reunión de traballo no Concello de Ferrol xunto aos alcaldes de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Ares, As Pontes e A Capela, entre outros. A súa chegada ao consistorio ferrolán foi recibida cunha sonora pitada por parte de medio centenar de delegados sindicais de Navantia e das súas compañías auxiliares, que se congregaron pouco antes do mediodía na praza de Armas, ante a casa consistorial.

O máximo responsable da Sepi aproveitou a súa visita a Galicia para entrevistarse co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e co presidente da Deputación provincial, Diego Calvo. Á reunión de Ferrol tamén asistiu o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez.

A CONSTRUCCIÓN DO DIQUE FLOTANTE SERÁ ESTUDADA
Unha das cuestións evocadas é a viabilidade de construír un dique flotante que o persoal, os empresarios locais e tamén os alcaldes da comarca pediron de forma unánime para potenciar a área de reparacións navais na ría cunha plataforma para os buques de gran porte.

Respecto deste asunto, que enfrontara á Xunta co anterior Goberno socialista, o representante da Sepi indicou que se crearán tres comisións técnicas para avaliar a viabilidade técnica e financeira do dique, así como unha terceira para determinar que a súa función non contravén a normativa europea.

Tamén admitiu que ten sobre a mesa dous informes opostos sobre a viabilidade do dique, un favorable ao proxecto e outro contrario, que foron elaborados pola delegación galega e a estatal do Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos. No entanto, recoñeceu que os informes "están impregnados de criterios políticos sobre os técnicos".

Unha comisión mixta integrada por técnicos, sindicatos e rexedores da zona avaliará mensualmente a evolución destas tres comisións que, para Aguirre, serán "un método de traballo eficaz" para desbloquear o futuro do dique.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, do PP, considerou "moi positiva" a reunión mantida co directivo da SEPI e aplaudiu o cambio de criterio de Navantia con respecto ao dique flotante. "Non imos mirar atrás, nin a buscar culpables", dixo Rei Varela, quen asegurou que "confía no compromiso" de Aguirre dun novo contrato con carga de traballo para as factorías de Fene e Ferrol".

Comentarios