A sombra da corrupción masiva cérnese de novo sobre Andalucía

A Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional investiga unha posible fraude millonaria nos fondos de formación para parados, actuación que se centra, polo momento, en Málaga, aínda que se estenderá nas próximas horas a Granada e Almería, segundo explicaron onte fontes da investigación. "A investigación desenvolverase a toda Andalucía en datas moi próximas" confirmaron a Efe.

A UDEF xa remitiu un informe previo á Fiscalía Anticorrupción de Málaga logo dunha investigación de máis dun ano no que se interrogou a empresarios, presuntos alumnos que non realizaran os cursos, e membros da administración andaluza e dos sindicatos, segundo as mesmas fontes.

En principio, investígase a fraude supostamente cometida polos responsables de xestionar e outorgar os cursos de formación no Servizo Andaluz de Emprego (SAE), tras as irregularidades detectadas pola Seguridade Social que foi o que activou a alarma, e provocou a investigación dirixida desde a Comisaría Central de Madrid en colaboración coa Seguridade Social.

Precisamente a primeira denuncia recibiuna a Seguridade Social na que se advertía de que había ''numerosos cursos" nos que se incumpría o sistema de condicións.

En Málaga, 15 empresas da provincia estarían especializadas en impartir cursos a parados e supostamente parte destes ciclos formativos están a ser investigados, aínda que hai outras empresas que, finalizado os presuntos cursos, disolvíanse para eludir os controis, segundo as mesmas fontes.

Axentes da Comisaría Central desprazáronse a Málaga para axudar ao interrogatorio de varias decenas de persoas na capital e distintos municipios.

Aínda que a investigación "atópase moi verde" o montante do presuntamente estafado podería chegar aos dous mil millóns de euros.

Comentarios