A Xunta estuda que as Cámaras de Comercio poidan exercer como mediadoras mercantís

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro co presidente do Consello Galego de Cámaras, José Carcía Costas, no que abordaron a posibilidade de que as Cámaras galegas poidan exercer como axentes de mediación en asuntos de ámbito mercantil.

Tanto Rueda como Costas, informa o Goberno galego nun comunicado, coincidiron na importancia e necesidade do impulso da mediación como método de resolución dos conflitos empresariais, que requiren solucións rápidas e que aseguren a conservación das relacións entre as empresas con posterioridade.
 
A mediación neste tipo de conflitos por parte das Cámaras de Comercio, sinala a nota, permitiría reducir a litigiosidad nos xulgados galegos, aforraría tempo e traballo, e suporía un importante impacto económico, ao reducir o gasto asociado aos procedementos xudiciais necesarios.
 
Neste sentido, é destacable a longa experiencia das Cámaras nesta materia, xa que levan máis de 20 anos traballando na promoción da resolución extraxudicial dos conflitos xurdidos principalmente entre empresas, pero tamén no ámbito da sociedade civil, implicándose na formación do seu propio persoal e dos árbitros nas técnicas de mediación.
 
Dentro da súa política de eficacia e eficiencia dos recursos, a Xunta de Galicia xa leva aplicando a mediación intrajudicial nos xulgados galegos desde o ano 2009, informa o comunicado, que concreta que se puxeron en marcha programas de mediación no ámbito familiar nos xulgados de Santiago e Ourense. Tamén que, debido aos resultados obtidos, o servizo acaba de ampliarse a Vigo, con localización no edificio Pinga de Leite.
 

Comentarios