A Xunta inicia en Cervantes as xornadas informativas sobre as axudas polos incendios

O diñeiro irá destinado á reparación e compensación dos danos provocados polo lume que calcinou miles de hectáreas entre o 14 e o 16 de outubro
Pastos quemados en Cervantes
photo_camera Pastos quemados en Cervantes

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo iniciará este martes en Cervantes a serie de xornadas informativas que irá desenvolvendo nos próximos días polos municipios que resultaron afectados pola onda de incendios forestais, co obxectivo de chegar "coa máxima axilidade e rapidez" aos damnificados polo lume.


O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que esas xornadas informativas centraranse nas "axudas para a reparación e compensación dos danos provocados polo lume", cuxas bases xa foron publicadas polo Diario Oficial de Galicia (DOG).

Balseiro explicou que a Xunta elixiu o municipio de Cervantes para desenvolver esta primeira charla informativa, porque foi o "concello que sufriu con maior intensidade esa onda de incendios".

Tamén aclarou que nese encontro, que se producirá este martes na Escola de Doiras, os técnicos das distintas consellerías do goberno galego explicarán aos afectados as axudas que os diversos departamentos da administración autonómica puxeron en marcha para compensar os danos en vivendas, explotacións agrarias e infraestruturas particulares.

Así mesmo, de forma complementaria, a Delegación Territorial convocou, tamén para este martes, aos alcaldes dos municipios afectados para informalos das axudas ás que poden acollerse as administracións locais. 

Comentarios