A Xunta inicia os trámites para que o Capón de Vilalba teña unha IXP

Feira do Capón, en Vilalba (Foto. AEP)
photo_camera Feira do Capón, en Vilalba (Foto. AEP)

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural e do Mar para publicitar a solicitude de inscrición no rexistro comunitario da Indicación Xeográfica Protexida 'Capón de Vilalba', que se suma ao publicado o pasado 10 de marzo no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Coa publicación de ambos os anuncios, ábrese agora un prazo de exposición pública tanto para o contido do prego de condicións do nova IXP como para a propia solicitude de rexistro, un período de tempo no que aquelas persoas físicas ou xurídicas que se consideren afectadas poderán presentar alegacións.

En canto ao propio prego de condicións, a IXP 'Capón de Vilalba' só se aplicará á carne de machos da especie Gallus Domesticus, castrados cirurxicamente antes de alcanzar a súa madurez sexual, de diferentes "razas e estirpes, que teñen como trazo común a súa rusticidade", para permitir a súa cría ao aire libre.

Serán sempre razas "semipesadas", dado que as canles deberán pesar como mínimo dous quilos e medio, e de crecemento "lento", porque os exemplares teñen que alcanzar unha idade mínima de 150 días para ser sacrificados.

Con respecto ao ámbito xeográfico, a IXP comprende toda a comarca de Terra Chá, que engloba aos municipios de Muras, Xermade, Vilalba, Abadín, A Pastoriza, Guitiriz, Begonte, Cospeito e Castro de Rei.

O xerente da Asociación de Criadores do Capón de Vilalba, Gonzalo Hermida, considera que aínda que o Capón de Vilalba é un produto que xa goza dun recoñecido prestixio, a posibilidade de contar cunha IXP ofreceralle "maior amparo" a ollos do consumidor e das propias institucións.

Comentarios