A Xunta premiará as condicións hixiénicas das explotacións lácteas

Convoca uns premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria do leite que terán varias categorías de participación

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou este mércores durante a súa visita a unha explotación de vacún en Santiso (A Coruña) a convocatoria dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca.

Estes galardóns teñen por obxectivo recoñecer a excelencia do proceso produtivo dun produto clave para a economía no rural galego, onde alcanza -sinalou- unha "enorme relevancia económica, social e mesmo ambiental e cultural".

Todas aquelas granxas inscritas no Rexistro de Explotacións Lácteas de Calidade Diferenciada (Recaldi), aquelas que poden usar o distintivo Galega 100%, poderán optar a estes galardóns, que o Goberno galego outorgará en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

Os premios divídense en tres categorías, de acordo co tamaño das explotacións (pequenas, medianas ou grandes), que á súa vez constan de dúas subcategorías segundo o sistema de produción, que pode ser intensivo ou extensivo.

Así mesmo, tamén se distinguirá ás mellores explotacións ecolóxicas.

Nas bases reguladoras do concurso, publicadas este martes no Diario Oficial de Galicia, menciónase que o leite é unha fonte de emprego e riqueza e que, con esta iniciativa, trátase de recoñecer o traballo daqueles produtores máis comprometidos coa calidade.

En total, o censo de explotacións que poderían participar nestes premios é de 4.905, as cales someten os seus controis e inspeccións aos estándares do Ligal, quen determinará os vencedores en función do recollido na súa base de datos.

Comentarios