A Xunta segue implementando o teletraballo en postos da Administración

A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia unha nova orde para implementar o teletraballo nos postos da Administración autonómica.

O sistema de información e control horario, denominado Kronos, "está en proceso de implantación", subliña a Xunta nunha nota, que tamén sinala que os empregados situados en centros onde aínda non opere este método poden solicitar a prestación de servizos "a distancia".

Esta nova resolución comprende diferentes supostos, como a incapacidade laboral temporal, os permisos por violencia de xénero ou baixas cunha duración igual ou superior a un mes, todo para flexibilizar a xornada durante o mes de reincorporación ao posto de traballo e compensar os desvíos eventuais, apunta a Xunta.

Así mesmo, o comunicado engade que tamén se inclúe flexibilidade para a conciliación en procesos de nulidade, separación ou divorcio matrimonial. Segundo a Xunta, esta orde supón unha mellora no acceso á flexibilidade e ao teletraballo dos empregados públicos con novas instrucións que permiten amoldar o cumprimento das obrigacións laborais ás necesidades persoais de cada traballador.

Nun comunicado, a Xunta afirma que esta nova regulación supón "un avance" con respecto á orde do 20 de decembro de 2013, na que se regulaba por ''primeira vez" en Galicia este aspecto, ademais de fixar e establecer criterios "homoxéneos e de común aplicación" para todos os departamentos autonómicos.

A Xunta conclúe que estes novos puntos contaron co voto favorable da "maioría" das organizacións sindicais, o que demostra que, neste ámbito, a Xunta mantén o "amplo apoio" destas formacións e tamén dos seus traballadores.

Comentarios