As demandas por despedimento rexistradas nos tribunais españois en 2013 foron 146.796, o que supón un descenso do 0,4 % respecto ao ano anterior e a primeira caída desde 2010, segundo o informe sobre o efecto da crise económica nos órganos xudiciais do Consejo General do Poder Judicial (CGPJ).
O número de demandas por despedimento rexistradas nos xulgados do Social reducíronse o pasado ano, logo de dous anos á alza, rexistrando aumentos do 5,1 % (en 2011) e do 25,3 % (en 2012).
O descenso experimentado en 2013 foi máis acusado no último trimestre do ano, cunha caída interanual do 17,4 % ata as 31.506 demandas que vén continuar a tendencia á baixa do trimestre anterior que puxo fin a nove trimestres consecutivos de
incrementos interanuais.
Por comunidades autónomas, Madrid foi a rexión onde máis demandas se presentaron o pasado ano, con 27.016, seguida de Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. Con todo, os maiores incrementos respecto de 2012 déronse en Cantabria (36,4 % máis) e País Vasco (25,1 % máis) polos casos das empresas Sniace e Mondragón, respectivamente.
Só no cuarto trimestre, o territorio con máis demandas presentadas foi Cataluña (5.714).
Tamén diminuíron, neste caso un 1,5 %, o número de expedientes de regulación de emprego (ERE) que pasaron polos tribunais, xa que o pasado ano contabilizáronse 1.782
procedementos xudicializados fronte aos 1.809 de 2012.
A estatística do CGPJ indica, así mesmo, que os Xulgados do Social recibiron 141.253 demandas por reclamación de cantidade, un 3,7 % menos que en 2012, sendo Andalucía, Madrid e Cataluña as rexións que acapararon a maior parte destas demandas.
O seguinte cadro reflexa, por comunidades autónomas, as demandas por despedimento rexistradas en 2013 e 2012, así como a súa evolución:
2012 2013 %
================================================================
Andalucía 24.836 22.541 -9,2
Aragón 3.190 3.394 6,4
Asturias 2.588 2.897 11,9
Baleares 2.419 2.340 -3,3
Canarias 8.539 8.027 -6,0
Cantabria 1.627 2.219 36,4
Castela e León 7.697 7.409 -3,7
Castela-A Mancha 6.123 5.550 -9,4
Cataluña 25.565 24.770 -3,1
C.Valenciana 16.906 16.918 0,1
Estremadura 2.584 2.138 -17,3
Galicia 8.711 8.057 -7,5
Madrid 24.092 27.016 12,1
Murcia 4.517 4.045 -10,4
Navarra 1.402 1.307 -6,8
País Vasco 5.725 7.164 25,1
A Rioxa 883 1.004 13,7
----------------------------------------------------------------
TOTAL 147.404 146.796 -0,4