As granxas de Abadín doan 35 toneladas de herba a unha explotación das Neves

Pretenden aliviar a difícil situación dun negocio situado no municipio pontevedrés das Neves

Varias granxas do municipio lucense de Abadín, concretamente das parroquias de Labrada e Fanoi, doaron 65 rolos de herba ensilada, cuxo peso superou as 35 toneladas, para aliviar a difícil situación dunha explotación situada no municipio pontevedrés das Neves, cuxos pastos foron arrasados polas chamas na onda de incendios do mes de outubro.

Para trasladar o cargamento de herba desde Lugo ata a explotación de Xexús Ferreira, nas Neves, os gandeiros e o Sindicato Labrego Galego (SLG), que participou no envío, contaron coa colaboración "desinteresada" da empresa Transportes Montes, de Goiriz (en Vilalba).

"Agora mesmo estou a alimentar ao gando grazas á herba que me doaron estas e outras granxas", explicou o gandeiro afectado a través do sindicato, porque "a nivel oficial, aínda non recibimos nada nin sabemos aínda se imos ter apoios ou non".

"O meu gando ten que comer xa, desde a hora seguinte aos lumes. E hoxe, grazas á solidariedade, as miñas vacas e as miñas ovellas están a comer", engadiu.

Comentarios