As lonxas da ría dispoñen dunha plataforma de compra-venda en liña

POIO. O Grupo de Acción Costeira dá Ría de Pontevedra presentou hoxe  unha plataforma dixital que utilizan de xeito conxunto as lonxas da ría de Pontevedra para comercializar os seus produtos ‘en liña'. O seu nome é www.pescadoartesanal. com e, a través dela, os almacenistas e comerciantes polo miúdo poden coñecer inmediatamente a oferta que está a disposición nas poxas locais de peixe e marisco.

Na iniciativa participan a Lonxa de Campelo (que aglutina ás confrarías de San Telmo, Raxó e Lourizán), así como os depósitos de Bueu, Marín, Sanxenxo e Portonovo e entre todos eles cobren un amplo abanico de produtos do mar pois, tal e como explicou o presidente da Federación Provincial de Confrarías, José Antonio Gómez, «cada unha está especializada nun tipo de mercadoría distinta».

Ademais de facer máis sinxelas as transaccións, a plataforma permite unha notable modernización do sector, posto que facilita a posta en contacto de vendedores e compradores.

Os primeiros poden indicar a tempo real o tipo e cantidade de produto que pon á venda, mentres que os segundos poden seleccionar a lonxa na que desexan adquirilos, o prezo máximo co que puxarán por eles e incluso teñen a opción de discernir entre a arte de pesca que prefiren ou elixir entre marisqueo a pé e á boia.

A maiores, inclúe un sistema de alertas que avisa aos usuarios se existe novo stock dispoñible nas lonxas que participan no programa.

Os restauradores tamén teñen o seu propio apartado, posto que www.pescadoartesanal.com dispón dunha ferramenta coa que estes poden ofrecer o seu produto ao público final.

O GAC celebrou hoxe un acto no Casal de Ferreirós para presentar tanto esta plataforma, como un recetario de produtos que se comercializan no fondo da ría de Pontevedra, principalmente na lonxa de Campelo.

O evento contou coa presenza da xerente do Grupo de Acción Costeira da zona, Laura Neto; o presidente da Federación Provincial de Confrarías; e Purificación Afonso, da empresa Ardora Comunicación e Servizos.

Comentarios