As tarefas de procura do corpo retómanse en Majaloba

A Policía Nacional retomou hoxe, coas primeiras luces do día, a procura do corpo de Marta del Castillo na finca Majaloba de La Rinconada (Sevilla), onde o seu asasino confeso, Miguel Carcaño, dixo na súa última versión que o seu irmán e el enterraran o cadáver.

No lugar está a traballar a Policía cunha escavadora, na zona próxima a unha torreta situada xunto estrada, apoiados por un dispositivo policial que vixiou a zona durante a noite, despois de que onte se suspendera a procura sobre as once da noite, tras traballar axudados por luz artificial.

O pai de Marta del Castillo, Antonio del Castillo, segue os traballos de cerca, e o avó, Jose Antonio Casanueva, tamén se atopa na zona, onde atende aos numerosos medios de comunicación que se desprazaron ata a leira, situada a unha decena de quilómetros de Sevilla.

Os traballos de escavación comezaron ao mediodía de onte e centráronse na zona próxima a unha torreta que hai nun maizal, xunto á estrada Sevilla-La Rinconada, ante unha importante expectación dos medios de comunicación.

A Policía examinou con xeorradar en dúas ocasións a leira Majaloba (unha no verán e outra a finais de setembro) e mentres se emitían os informes definitivos para determinar onde se ía a escavar a leira permaneceu con vixilancia policial durante as 24 horas.

Esta procura do corpo da moza é polo menos a quinta que emprende a Policía, logo das realizadas no río Guadalquivir, nun vertedoiro, nun escampado de Camas (Sevilla) e na chamada Ruta da auga no arrabalde de Sevilla, que custaron ao Estado ata agora 616.319 euros.

Carcaño, que deu sete versións diferentes, foi excarcerado tres veces nos últimos meses pero foi incapaz de sinalar o punto onde enterraron a Marta porque afirma que ía pendente de seguir co seu ciclomotor o coche do seu irmán.

Comentarios