As vítimas do Alvia mostran ''indignación e rexeitamento'' polo nomeamento de Catalá

A Plataforma Vítimas Alvia 04155 expresou a súa "indignación e rexeitamento" polo nomeamento de Rafael Catalá como ministro de Xustiza.

A asociación afirma nun comunicado que a razón desta postura é "polas súas mentiras e as súas posibles responsabilidades, políticas polo menos, nun accidente que causou 80 mortos e máis de 140 feridos".

Recorda que Catalá era secretario de Estado de Infraestruturas cando ocorreu o accidente e "non fixo nada por depurar responsabilidades, nin asumiu para si ningunha, só mentiu -denuncia- e negou que fose un accidente da alta velocidade española para defender intereses económicos".

Así mesmo resalta que en xuño de 2012 estaba tamén nese cargo, cando se autoriza nos trens Alvia a desconexión do sistema de control de velocidade ERTMS, sen ningunha análise previa", unha decisión que, de non haberse adoptado, evitase o sinistro, "tal e como sinalan os peritos forenses".

Para a plataforma, "alguén que mente ás vítimas e que está politicamente involucrado nun accidente con 80 falecidos e máis de 140 feridos, polo que hai aberta unha causa xudicial, non pode ser o máximo responsable do Goberno en materia de Xustiza".

Finalmente, expresa o seu temor a que "este nomeamento poida interferir no proceso xudicial" e considera que supón "unha burla e unha falta de respecto á memoria dos falecidos, ás súas familias e a todas as vítimas do accidente e a todos os españois".

Comentarios