A primavera chega cun descenso brusco das temperaturas

A nova estación xa está aquí, pero desde o martes as sensacións volverán ser invernais. A neve chegará mañá en zonas altas e a cota podería baixar ata os 400 metros o mércores
Árbol florido
photo_camera Árbol florido

A primavera chegou este luns 20 de marzo ás 11.29 horas e durará 92 días e 18 horas, ata o inicio do verán o 21 de xuño ás 6.24 horas, segundo datos do Observatorio Astronómico Nacional.

A nova estación, con todo, iniciarase cun brusco descenso das temperaturas en Galicia. As baixas presións localizadas ao oeste de Irlanda traerán ceos cubertos e precipitacións que serán en forma de neve por encima dos 1.100 metros o martes. A situación aínda empeorará máis o mércores, cando a cota baixará ata os 700 metros pola mañá e acabará a xornada nos 400 metros, segundo prognostica Meteogalicia.

EQUINOCCIO. O inicio da primavera ten lugar no día en que a duración do día e a noite practicamente coinciden en calquera punto da Terra, o que se denomina equinoccio. 


Neste instante no hemisferio sur iníciase o outono. Ademais, a partir do martes as horas de luz do día alargaranse máis rapidamente, e ás latitudes da Península, o Sol sae polas mañás case dous minutos antes que o día anterior e pola tarde ponse un minuto máis tarde. Así, o tempo en que o Sol está por encima do horizonte é de case tres minutos máis cada día.

O equinoccio de primavera pode darse, como máximo, en tres datas distintas ao longo do século XXI, podendo iniciarse nos días 19 ao 21 de marzo (data oficial española), sendo o seu inicio máis temperán o do ano 2096 e o inicio máis tardío o de 2003. As variacións dun ano a outro son debidas ao modo en que encaixa a secuencia de anos segundo o calendario (uns bisestos, outros non) coa duración de cada órbita da Terra ao redor do Sol (duración coñecida como ano trópico).

NINGÚN ECLIPSE. En canto ás eclipses, durante a primavera non haberá ningúnha, xa que a próxima será un parcial de Lúa o 7 de agosto, visible en Australia, Asia, Africa e Europa, en España será visible nas súas últimas fases. Mentres, a primeira lúa chea da primavera darase o 11 de abril, sendo o domingo seguinte (16 de abril) o Domingo de Pascua. Nesta primavera daranse outras dúas lúas cheas: o 10 de maio e 9 de xuño.

Respecto da visibilidade dos planetas, durante esta estación Venus e Saturno serán visibles ao amencer, Saturno pasará a ser visible toda a noite no mes de xuño, Júpiter será visible toda a noite ao comezo da primavera e a mediados de abril comezará a ser visible á tardiña xunto a Marte que se verá durante toda a primavera no ceo vespertino.

Finalmente, a choiva de meteoros máis importante da primavera adoita ser a do Eta Acuáridas, cuxo máximo se dá ao redor do 5 de maio. En canto ás agrupacións ficticias de estrelas coñecidas como constelacións, ao redor da estrela Polar veranse ao longo da noite a Osa Menor, o Dragón, Cefeo e o León (Leo).

Comentarios