Localizan flotando no mar en Domaio o cadáver do moañés desaparecido

Alfonso Lorenzo. C.B.
photo_camera Alfonso Lorenzo. C.B.

Transcorridos cinco días desde o inicio da procura do veciño de Moaña desaparecido o pasado luns, Afonso Lorenzo Regueira, o seu corpo sen vida foi finalmente atopado onte flotando no mar nunha zona próxima á costa, xunto á ensenada de Domaio.

Unha irmá do falecido e un sobriño foron quen o localizaron na mañá de onte, sobre as 10.00 horas, mentres participaban no dispositivo de procura por mar. «Saíron nun bote pola mañá e viron o corpo flotando, logo esperouse a que viñese o forense» para o levantamento do cadáver, explicaba onte, rota pola dor, unha das irmás de Afonso, horas despois de que lle atopasen. Un grupo de rescate recuperou o cadáver da auga.

O corpo, que foi achado nunha zona do litoral próxima ao estaleiro de Fandicosta, nas inmediacións do porto do Regueiriño, foi trasladado logo ao Hospital Nicolás Pena de Vigo, segundo apuntaron fontes familiares, onde se lle practicaría a autopsia para intentar determinar as causas do seu falecemento.

No porto de Domaio atopábanse onte numerosos efectivos das forzas de seguridade, así como familiares e veciños de Afonso, quen, un día máis, tiñan previsto continuar cos labores de procura postas en marcha o pasado luns.

O falecido, de 50 anos de idade, ausentouse desde o seu domicilio desde a madrugada do luns. A familia notou a súa ausencia sobre as 7.00 horas desa xornada e foi pola tarde cando a súa muller presentou a denuncia pola súa desaparición no posto da Garda Civil de Moaña.

No operativo de procura participaban a Garda Civil con patrullas rurais e fiscais, un helicóptero, efectivos do servizo marítimo, unidades de cans e o Seprona.

Ademais, colaboraron nas actuacións a Policía Local e Protección Civil de Moaña, Cangas e Bueu, a unidade canina do servizo de Protección Civil da Estrada e veciños voluntarios.

A familia agradece todo o apoio recibido estes días polos cidadáns e autoridades de Moaña e dos municipios veciños que participaron nos labores de procura.

Comentarios